Alfonso Rueda, sobre a vaga de incendios: "A humidade abre unha xanela de esperanza"

O presidente da Xunta pide fuxir da confrontación mais insiste en que o Goberno estatal non enviou aínda todos os medios solicitados.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, mostrouse esperanzado esta terza feira en canto á evolución da vaga de incendios forestais que desde hai máis dunha semana calcinou máis de 70.000 hectáreas, converténdose nunha das crises forestais máis graves da historia da cGaliza. "A humidade que se empeza a percibir polas noites abre unha xanela de esperanza", declarou.

Así se expresou o presidente nunha entrevista concedida é  Cadea Ser e recollida por Europa Press, na que sinalou que os servizos de extinción tratarán de aproveitar a "oportunidade" que ofrece a baixada de temperaturas que se espera para os próximos días.

Nesta liña, Rueda referiuse aos últimos datos ofrecidos pola Consellaría de Medio Rural nos que indicaban que na provincia de Ourense - a máis castigada polas chamas - xa eran sete, e non nove, os incendios activos e, por tanto, cinco focos estabilizados.

Preguntado pola estimación de hectáreas e fogares afectados, Rueda recoñeceu que serán "números importantes" pero incidiu en que o vital agora é loitar contra as chamas.

Cuestionado sobre a posibilidade de que exista unha trama detrás dos incendios provocados, o líder da Xunta quere pensar que non é así e remite ás investigacións xudiciais. "Pero de que hai xente que queima intencionadamente non me cabe ningunha dúbida", insiste.

Alfonso Rueda defendeu o servizo de extinción de incendios da Galiza, "o mellor de España", "con máis medios que nunca", pero recoñece que ante a magnitude do sucedido estes días, "que non sucedeu nunca, con incendios explosivos que se propagan de forma vertixinosa", necesita máis medios.

Recursos que pediu ao Goberno estatal e que afirma que non chegaron aínda. "O Goberno non nos deu todos os medios que pedimos e espero que o faga pronto", sinalou.

Ademais, rexeitou a idea de elevar ao nivel 3 a situación de alerta, xa que non se traduce en recibir máis medios e co nivel actual (2) son os profesionais galegos, "que coñecen o terreo, os núcleos de poboación e o comportamento dos incendios", os que xestionan a situación. "Se alguén está a reservar medios para que pidamos a situación 3, sería imperdoable", afirmou.

Tanto neste aspecto como no que respecta á repartición de responsabilidades en función das competencias, Alfonso Rueda fai un chamamento a non confrontar.Ao fío disto, recoñeceu que o tweet publicado polo PPdeG contra Pedro Sánchez respecto da xestión da vaga de incendios e que foi borrado tempo despois. "Non está ben posto e por iso borrouse".