Alfonso Rueda abre a porta a que a Xunta financie Altri

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Pres)
Alfonso Rueda abre a porta a que o proxecto de Altri dunha pasteira en Palas de Reis (A Ulloa) teña financiamento da Xunta da Galiza. Así o apuntou esta cuarta feira na sesión de control ao presidente no Parlamento galego. Pouco despois, a conselleira de Industria, María Jesús Lourenzá, afondaba nesta mesma idea.

"A Xunta da Galiza para proxectos que creen traballo e cumpran os requisitos medioambientais vai estar aí sempre". Esta foi a resposta esta cuarta feira do presidente galego, Alfonso Rueda, en Cámara parlamentaria á pregunta do portavoz do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro de se o Goberno galego estaba disposto a destinar fondos públicos da Xunta a Altri. 

Os dirixentes da empresa lusa teñen afirmado por activa e por pasiva ao longo destes meses que sen fondos públicos non haberá factoría en Palas de Reis. A cifra de diñeiro público que se precisaría estaría ao redor de 200 millóns.

O financiamento vía fondos da Unión Europea non se cursou aínda formalmente e en Bruxelas pode atopar un non por resposta pois colectivos e entidades opostas a este proxecto incidiron en que o mesmo incumpre até 7 directivas europeas.

A delegación convidada polo BNG e que a semana pasada estivo en Bruxelas reuniuse con deputadas e técnicas para expor polo miúdo os riscos que implicaría unha pasteira no corazón da Galiza. 

Non foi a de Rueda a única chiscadela ao financiamento de Altri que houbo no Parlamento por parte do novo Goberno galego. A conselleira de Industria, María Jesús Lourenzá, indicou que se o proxecto "é  viabel"  medioambientalmente e non hai fondos por parte de "Pedro Sánchez", "o presidente dixo ben claro hoxe aquí", cal é o paso a dar, en referencia a financiar o proxecto.

Asegurou que o compromiso da Xunta con calquera proxecto que sexa "estratéxico ou prioritario" para a Galiza é "absoluto".

"Rexeneración democrática"

A primeira sesión de control ao presidente galego desta Lexislatura estivo protagonizada polo debate entre Alfonso Rueda e a portavoz do BNG Ana Pontón en torno aos contratos da Xunta durante a pandemia.  A nacionalista criticou o veto o día anterior do PP na Cámara a unha proposición non de lei do BNG que pedía unha auditoría externa sobre estes contratos. "Rectifique ese veto", instou Pontón ao presidente. Lembrou que malia facer o Consello de Contas unha "auditoría parcial" que deixaba fóra 70% da contratacións na pandemia, o órgano fiscalizador detectou "irregularidades importantes". " Por que se nega a que haxa transparencia sobre eses contratos?" insistiu a portavoz nacionalista, criticando casos como "a concentración en 2021 de 66% dos contratos en só catro empresas", entre as que están sociedades nas que en cargos de responsabilidade estaban "o irmá da compañeira de Núñez Feixoo ou a parella de Díaz Ayuso".

Para Pontón, o Goberno galego debe de asumir a necesidade dunha "rexeneración democrática", que debería de comezar por "levantar o veto" a unha auditoría externa sobre a contratación "a dedo" do Goberno galego.

Rueda, na súa quenda de resposta, optou por facer ouvidos xordos ás demandas da líder do BNG e preferiu expor as súas propias peticións de "rexeneración democrática" aos nacionalistas. "Rachen con Bildu", indicou, "non apoien ao Goberno de Madrid", proseguiu, "e digan a verdade: Altri era fantástica até que viron que non van gobernar e agora é todo malo", concluíu o titular da Xunta. Rueda cargou con dureza contra Ana Pontón, á que mesmo chegou a "parabenizar" polo resultado nas eleccións vascas "do seu partido aliado Bildu", do que dixo que se nega a chamar terrorista a unha organización "que asasinou 68 galegos". Ton distinto foi o que usou o presidente con Gómez Besteiro. O socialista participou na súa primeira sesión de control e Alfonso Rueda instouno a facer "unha oposición construtiva" e tomar nota de Valentín Gónzalez Formoso, aínda oficialmente secretario xeral do PSdeG, "e non se deixe amedrentar polos do non permanente".