Caderno de Verán

Alevíns de piragüistas

A rapazada durante unha das últimas competicións (Foto: CMDC Breogán)
Algunhas entidades deportivas ofrecen cursos intensivos de verán, mentres outras xa non poden asumir máis estudantado nas súas instalacións. Este ano notouse especialmente a demanda de piraguas de alugueiro para gozar da auga en soidade.

O  piragüismo non é un deporte sinxelo. Pódeselle preguntar ás e aos máis recoñecidos atletas, con duras horas de entrenamento nos brazos, como Teresa Portela, David Cal, Cristian Toro e tantas outras. De seguro contarán historias de superación e forza mental. Pero iso non é impedimento para que centos de rapaces e rapazas continúen a loitar nas rías galegas por facerse un nome nesta disciplina, sobre todo nas Rías Baixas. Curiosamente, no verán é cando máis aparecen os alevíns de piragüista.

Quer galegas e galegos, quer turistas con ganas dunha aventura, a federación e os clubes reciben moitas consultas e tramitan numerosas altas nesta tempada. Proba de que é época de gran dinamismo neste deporte é que están a realizar distintas probas previstas sen interferencias de crise sanitaria ningunha.

“No piragüismo, como en todo deporte acuático, hai un boom de licenzas no verán porque parece que apetece máis volcar e caer á auga, algo que vai pasar ao comezar”, asegura o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Xosé Alfredo Bea García. De feito, nos últimos tempos houbo que “crear a categoría de prebenxamin” porque había aprendices de idades moi baixas que non encaixaban na categoría superior.

Bea García tamén aclara que o estío fai que algúns clubes oferten cursos para o turismo ou para a xente da terra que só quere practicar un tempo limitado, mais “algún xa non aceptan” este tipo de alumnado porque non teñen tempo nin espazo para atendelo.

Por exemplo, o presidente do CMDC Breogán, Félix Lamas, subliña que na entidade non están dando clases de forma puntual. Unha tendencia en aumento que notaron no Breogán é que “moita xente achegouse a preguntar se alugabamos piraguas”. Recoñece que máis do que vén sendo habitual cada estío entre o turismo. “Estamos collendo a rapazada e dividíndoa en grupos” pero xa para quedar nas escola e non só no verán, se non deciden cambiar de disciplina. 

“O ano pasado tivemos bastantes incorporacións, nos últimos meses paralizouse un pouco o ritmo pero agora volveu normalizarse”, engade.

A pesar disto, o presidente da federación incide en que “Galiza é o lugar do mundo con máis licenzas de piragüismo por habitante” e as cifras non caen. Pouco importa que “os clubes se converteran en búnkers con hidroxel, máscaras”, protocolos de desinfección moi duros e distancias de seguridade. Estas últimas “xa se cumprían” polo espazo das embarcacións.