Alertan dos proxectos dunha mineira norueguesa na comarca de Ordes que ameazan 200 granxas e 500 empregos directos

Mapa das zonas afectadas. SLG

Erimsa proponse extraer seixo en terreos de Frades, Ordes e Mesía, sumando unha superficie de máis de 6.700 hectáreas. O SLG afirma que a empresa acumula sentenzas contrarias do TSXG.

O Sindicato Labrego Galego denuncia que unha empresa mineira norueguesa, Erimsa, impulsa na comarca de Ordes uns proxectos para a extracción de seixo (cuarzo metalúrxico) que supoñen unha ameaza para unhas 200 granxas e por volta de 500 empregos directos. En total, unhas 6.721 hectáreas afectadas por estes proxectos, a maior parte de concentración parcelaria dedicada a praderías e leiras de cultivo, “que constitúen a base territorial e alicerce de case duascentas granxas en activo, que manteñen medio milleiro empregos directos”.

O SLG afirma que grazas á experiencia de prospeccións que xa teñen afectado a granxas da zona, pode saberse que a explotación de seixo consistiría na extracción de terra a ceo aberto, até unha profundidade de 2'5 metros, e o posterior recheo coa terra sen o seixo. “Desta maneira, os terreos explotados quedan inservibles para a actividade gandeira”. Tamén critican que haxa zonas de extracción a carón de núcleos habitados e das instalacións do gando.

A empresa crearía 8 postos de traballo

O sindicato afirma, aliás, que Erimsa comprométese no seu proxecto a crear 8 postos de traballo temporais namentres dure a extracción de mineira. O Sindicato Labrego Galego convocou unha asemblea aberta a quin ta feira, 23 de marzo ás 22:00 horas, na Casa de Cultura de Xanceda (Mesía). Alí, informarase ás persoas afectadas e granxas sobre a etapa na que se atopa o proceso e asesorarase na redacción e presentación de alegacións.

María Vieites, coordinadora do SLG na comarca de Ordes, afirmou que “todos estes proxectos constitúen unha sentenza de morte para a comarca. Se estes proxectos van para adiante, as granxas afectadas deixarán de ter acceso á terra da que depende a súa actividade económica e mesmo poderían perder as axudas da Política Agraria Común (PAC) que perciben, que nesta zona supoñen de media uns 400 euros por hectárea”.

Pola súa banda, a coordinadora do SLG na Terra Chá, Margarida Prieto Ledo, que informou sobre os antecedentes da empresa Erimsa na Terra Chá, lembrou que esta mineira acumula xa varias sentenzas contrarias á súa actividade por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e que, na zona afectada, ten cometido ilegalidades ao facer prospeccións sen licenza en Oroso.