Alertan de posíbeis asolagamentos en San Sadurniño, Ortigueira, Viveiro, Soutomaior e Ponte Caldelas

Ondas no litoral coruñés. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

As autoridades activaron o plan de risco por posíbeis inundacións se desbordan algúns ríos polas chuvias. Varios municipios xa levan acumulados máis de 85 litros por metro cadrado debido ao temporal.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta activou esta terza feira o plan especial de risco de inundación na Galiza para os arredores de cinco ríos da conca Galiza-Costa. En concreto, considera que existe risco de desbordamento polas chuvias nas localidades de  San Sadurniño, Ortigueira, Viveiro, Ponte Caldelas e Soutomaior.

Así non se descartan asolagamentos debido ás crecidas que están a padecer os ríos Xubia, Mera, Landro, Verdugo e Oitavén, respectivamente, nos mencionados concellos.

As autoridades destacaron que os sistemas de control e seguimento indican que os leitos tiveron un "crecemento significativo" nas últimas horas, polo que pénsase nesas "inundacións puntuais".

De feito, o 112 xa tivo coñecemento de diversas incidencias en municipios afectados polo Plan Inungal, a maioría situados en zonas que estaban en alerta amarela polo temporal.

En Soutomaior, efectivos de Protección Civil tiveron que efectuar diversas saídas para controlar posíbeis asolagamentos en Comboa e retiraron pedras e árbores en estradas de Arcade e Cortella.

Desde Ortigueira tamén recibiron os axentes do 112 varias chamadas relativas a rúas asolagadas en Miñeixa e a incidencias na circulación en San Xoán.

Aumentar a precaución

Neste contexto, a central de emerxencias lembra a necesidade de incrementar a precaución naquelas estradas que estean próximas a pontes e torrentes, xa que a subida repentina dos caudais pode xerar dificultades no tráfico rodado.

A estas horas fálase de que en varios municipios se rexistraron acumulacións de auga por enriba dos 85 litros por metro cadrado. O récord márcao a estación meteorolóxica de Xesteiras, no municipio de Cuntis, con 89,8 litros/ m2 acumulados até pasadas as 19 horas.

En canto aos ventos, os refachos máximos sobrepasaron os 110 quilómetros por hora en varias localidades. A máxima correspondeu a Muras (Lugo), con 142,4 quilómetros por hora ás 10 horas.

Ademais, as zonas costeiras están a verse moi afectadas polo forte ondada.