Alertan de que as obras da vía Palas-Friol eliminarán árbores centenarias

A estrada LU-231 entre Friol e Palas atravesa a Reserva da Biosfera Terras do Miño (Imaxe: Apatrigal).
A Asociación pola Defensa do Patrimonio Cultural denuncia que as alegacións que presentou contra o proxecto non foron respondidas pola Axencia Galega de Infraestruturas.

A Asociación pola Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) denunciou esta semana que a Axencia Galega de Infraestruturas data no 20 de xaneiro o inicio dos traballos de ampliación da estrada LU-231, cuxo proxecto inclúe a tala de árbores autóctonas centenarias nas marxes da vía. 
O colectivo censura que a Administración ignorou as súas alegacións, presentadas en abril de 2019, nas que se opoñían á corta forestal "en plena Reserva da Biosfera Terras do Miño". Tamén a presentada por un enxeñeiro de camiños, na que informa de que as obras aumentan a probabilidade de accidentes, xa que "incumpren a normativa estatal de estradas". 

Eivas no proxecto de obra

No texto do enxeñeiro, compartido por Apatrigal, este advirte que a vía, actualmente, conta cun pavimento moi deteriorado "pola lamentábel ausencia de actuacións de conservación" e falta de "sinalización", sendo o tráfico reducido, mais con numerosos casos de circulación "a altas velocidades". Porén, no proxecto da Axencia Galega de Infraestruturas non se elimina ou actúa sobre unha curva situada en San Martín de Condes, "unha das máis perigosas".

O técnico engade que a actuación proposta é "inadecuada" e "incumpre a normativa de Estradas vixente", pois estabelece tramos rectos de máis de 600 metros que rematan en curvas moi pronunciadas, polo que se induce ás condutoras a circular "a altas velocidades" co conseguinte "e probábel aumento da sinistralidade". O mesmo enxeñeiro propuxo na súa alegación unha alternativa máis sostíbel, que exclúe a tala e as expropiacións dos territorios das marxes, limitando as actuacións a mellora do firme e a limpeza das beiras.