No Día de Acción Global

Alertan de millares de mortes por aborto inseguro no mundo

Millóns de abortos realizados sen medidas de seguranza. Foto: Banco Mundial/Simone D. McCourtie

Un grupo de relatores especiais da ONU de Dereitos Humanos alertou que métodos inseguros usados na práctica do aborto continúan sendo a causa de millares de mortes de mulleres no mundo.

 

A OMS (Organización Mundial da Saúde) define o aborto inseguro, ou perigoso, como aquel que se produce cando unha persoa carente da capacitación necesaria pon fin a un embarazo, cando se fai nunha contorna que non cumpre as normas médicas mínimas ou cando se combinan ambas as circunstancias.

Neste contexto, e coincidindo co Día de Acción Global para a Práctica de Aborto Legal e Seguro, este 28 de setembro, a Organización Mundial da Saúde afirmou que no mundo se realizan todos os anos 22 millóns de abortos sen as medidas de seguranza necesarias.A axencia da ONU calcula que 47 mil mulleres morren anualmente de complicacións causadas por esas prácticas inseguras para interromper a gravidez.

A criminalización do aborto e a falta de servizos adecuados para o fin dunha gravidez non desexada son formas de discriminación baseadas no sexo

Os relatores especiais conclúen tamén que a "criminalización do aborto e a falta de servizos adecuados para o fin dunha gravidez non desexada son formas de discriminación baseadas no sexo".

Os especialistas pediron a todos os países que rexeiten leis e políticas que restrinxen o aborto e que suspendan todas as medidas punitivas e barreiras discriminatorias ao acceso a servizos de saúde reprodutiva.

Pagar coa propia vida

Segundo eles, "as leis que restrinxen o acceso a un aborto seguro representan unha grave violación dos dereitos humanos das mulleres". Os especialistas explicaron que "as consecuencias son severas coas mulleres, algunhas veces, pagando o prezo con súas propias vidas".

Polos datos da ONU, as leis que prohiben o aborto atinxen 40% da poboación global. Os relatores especiais dixeron que a prohibición non reduce a necesidade nin o número de abortos, só aumenta o risco para a saúde de mulleres e meniñas que fan uso desa práctica médica.

Prohibición non reduce a necesidade nin o número de abortos, só aumenta o risco para a saúde de mulleres

Os especialistas recomendan "boa práctica" encontrada en varios países, onde as mulleres teñen acceso a servizos de aborto seguros, durante o primeiro trimestre de gravidez.

Os relatores queren tamén que os países permitan que meniñas e adolescentes poñan fin a unha gravidez non desexada, que de seguir adiante as pode expor a un risco maior no futuro.

Algúns datos

Entre 2010-2014:

-En media, producíronse anualmente 56 millóns de abortos (seguros e perigosos) provocados en todo o mundo.

-Producíronse 35 abortos provocados por cada 1000 mulleres de 15-44 anos.

-O 25 por cento do total de embarazos acabou en aborto provocado. A taxa de abortos foi superior nas rexións en desenvolvemento que nas desenvolvidas. 

-Calcúlase que cada ano se realizan uns 22 millóns de abortos perigosos en todo o mundo, case todos eles en países en desenvolvemento.

-Calcúlase que en 2008 morreron 47 000 mulleres por mor de abortos perigosos. Dous terzos de todas as mortes relacionadas co aborto teñen lugar en África.

-Cada ano, uns 5 millóns de mulleres ingresan en hospitais como consecuencia dun aborto perigoso e máis de 3 millóns de mulleres que sufriron complicacións por mor dun aborto perigoso non reciben atención médica.

Para alén dos datos, a OMS tamén considera que case todas as mortes e discapacidades derivadas do aborto se poderían previr mediante a educación sexual, o uso de métodos anticonceptivos eficaces, o acceso a servizos de aborto seguro provocado, e a atención oportuna das complicacións.

 

Fonte: OMS e Radio ONU.