Alertan do impacto dun novo “megaproxecto” hidroeléctrico de Iberdrola

Proxecto (Foto: Adega)

Adega denuncia que a eléctrica está a tramitar outro megaproxecto hidroeléctrico de 900 MW usando como "depósitos" os encoros de Cenza e Bao. “Máis de 15 km de túneis, unha central en caverna a 600 m baixo o Macizo Central e millóns de m3 de entullo en plena rede natura”.
 

O denominado "aproveitamento hidroeléctrico Conso II" pretende conectar os encoros de Cenza e O Bao, separados uns 10 km mediante varios túneis para permitir o transvase de auga entre ambos, explican desde Adega. No medio, construirase unha central de reversíbel en caverna que operará alternativamente turbinando a auga do encoro superior (Cenza) e bombeando a do inferior (Bao).

“Toda esta instalación localízase dentro da ZEC Macizo Central, parte da Rede Natura 2000 (…). A área na que se desenvolvería este proxecto, que xa pasou a fase de consultas previas, acubilla unha das mellores representacións do glaciarismo pleistoceno do noroeste peninsular, con vales como o de Cenza, parcialmente estragado por un dos encoros, circos e morrenas fósiles como a de Chaguazoso, directamente afectadas por este proxecto”

Anos de obras con maquinaria pesada e toneladas de explosivos dentro da Rede Natura acabarán por estragar unha paisaxe única, afectando a hábitats prioritarios moi fráxiles e especies protexidas, insiste a organización ambientalista. 

Iberdrola conta xa con 4 grandes aproveitamentos hidroeléctricos na bacía do Bibei, 3 deles reversíbeis. E no conxunto do sistema Miño-Sil, hai outras 31 grandes centrais, e ducias de minicentrais. Trátase sen dúbida da bacía hidrográfica máis intensamente explotada de Europa con relación á súa superficie.

“A empresa xustifica este novo megaproxecto como un sistema para almacenar enerxía e aportar "estabilidade, seguridade e sustentabilidade" ao sistema eléctrico”. 

Indica, mantén Adega, que aproveitará e "enerxía sobrante" de "excedentes de produción de renovábeis non xestionábeis" (en referenza á eólica) para bombear auga do encoro inferior ao superior, turbinándoa cando lle conveña. Mais a eólica se hai exceso pode pararse, ao contrario do que ocorre coas nucleares...”