Alertan de que Corcoesto podería ser o almacén de residuos tóxicos procedentes de todo o País

Diante do plan mineiro que a Xunta proxecta para Galiza, a plataforma Salvemos Cabana informa de que a planta de cianuración da mina a ceo aberto podería ser destino dos residuos xerados nos dez vellos filóns que están en trámites de reapertura. Aliás, a Plataforma pola defensa de Corcoesto concentrarase esta cuarta feira diante do Parlamento, cadrando con dúas preguntas que presentarán BNG e AGE 


A plataforma Salvemos Cabana alerta de que a planta de cianuración da mina de Corcoesto podería converterse nunha balsa de residuos tóxicos procedentes de toda a Galiza, ao ser a instalación central para a recuperación do ouro nos dez vellos filóns repartidos por todo o País que están en trámites de reapertura. O último coñecido, nas montañas da Fonsagrada.

O colectivo contra a mina a ceo aberto manifesta a súa "preocupación" perante este panorama e o plan mineiro que a Xunta ten preparado e alerta dos perigos que os proxectos auríferos carrexan ao empregaren grandes volumes de cianuro de sodio para separar o mineral da rocha. Ao fío, lembran que só a explotación proxectada en Corcoesto empregará 546.000 kg anuais deste composto, tal e como reflicte a propia declaración de impacto ambiental aprobada pola consellaría de Medio Ambiente.

Aliás, sinalan que a produción anual de refugallos só en Corcoesto será de 2.100.000 toneladas, das cales 100.000 seran refugallo cianurado, segundo datos da propia empresa, a canadense Edgewater, polo que se preguntan cal será o volume total se o número de explotacións se multiplica por dez. 

Por derradeiro, Salvemos Cabana fai fincapé en que non está resolta tampouco a "problemática" ligada ao transporte do cianuro por estrada. Recalcan que o Goberno galego non obrigou en ningún momento á mineira a asinar unha garantía financeira que cubra economicamente e de maneira integral un eventual accidente a grande escala. De se explotaren todos os proxectos que a Xunta está a ver con bos ollos, o cianuro viaxará polas estradas do País a diario, "cos conseguintes riscos ambientais e para a saúde da poboación".