Alertan da posíbel integración da residencia de Celanova na Fundación San Rosendo

Residencia San Carlos de Celanova (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
Para ADUR e Vellez e Dignidade, o acordo suporía apostar por un modelo que "está obsoleto e mesmo pode resultar inhumano".

A Asociación pola Defensa dos Dereitos das Usuarias de Residencias da Galiza (ADUR) e a Federación Vellez e Dignidade veñen de amosar a "preocupación" das familias por mor das negociacións que estarían a producirse entre a residencia de maiores San Carlos de Celanova e a Fundación San Rosendo, un dos principais grupos do sector.

As organizacións en defensa das e dos residentes fan referencia ás "diversas informacións" que apuntan a unha posíbel integración do centro na rede de San Rosendo, unha cuestión que a propia empresa confirmou á axencia Europa Press.

Neste senso, censuran a "falta de información" por parte da dirección do centro sobre as negociacións e as alternativas que están sobre a mesa, e salientan a importancia de "afondar no carácter público da residencia e dar participación ás familias na xestión".

"Preocúpanos que o órgano xestor da Residencia San Carlos e a dirección do centro perdan capacidade de decisión ao se integrar nun grupo que xestiona 71 centros e 3.700 prazas (no conxunto do Estado). As decisións sobre Celanova xa non se tomarán en Celanova", denuncian, a través dun comunicado.

O modelo residencial do futuro

Aliás, Vellez e Dignidade e ADUR lamentan que o centro fique en mans dun "grupo de funcionamento empresarial", renunciando, deste modo, "á posibilidade de converter San Carlos nun exemplo do que ten que ser o modelo futuro". Ambos os colectivos reclaman un modelo de residencias pequenas, "con mellores ratios e máis perfís no persoal, e cunha vocación de servizo público integradas nun modelo público de coidados".

Para as familias, a opción da Fundación San Rosendo suporía "optar polo modelo privado de grandes centros con atención despersonalizada e insuficiente, como se revelou durante a pandemia, no que cadrar as contas está por riba de calquera outra consideración". Para elas, ese modelo "está obsoleto e mesmo pode resultar inhumano".

"De se concretar un acordo, camiñaremos cara a un modelo de 'aparcadoiro de anciáns', que foi claramente ineficaz durante a crise da Covid-19 porque xa o era antes", conclúen.