Esixen información

Alertan da realización de “fumigacións tóxicas” sen sinalizar nun barrio de Vigo

Fumigación en Navia [Imaxe: Novo Vigo]

No barrio vigués de Navia producíronse fumigacións durante a madrugada do 4 de xullo. Algunhas veciñas e veciños que se achegaron preguntar foron informadas polos operarios da existencia dun perigo de toxicidade durante os dous días seguintes por mor do produto que empregaron. Mais só unha parte do perímetro fumigado está sinalizado cunhas bandas franqueábeis e non hai ningún letreiro que avise do perigo.

Os parques dun dos barrios máis poboados da cidade de Vigo, o de Navia, foron fumigados na madrugada desta quinta feira 4 de xullo sen previo aviso á veciñanza.

Segundo afirma a Sermos Galiza Xosé Sánchez, vogal da asociación veciñal Novo Vigo, algunhas persoas que se atopaban paseando os seus cans achegáronse preguntar ao ver o dispositivo despregado e o alto grao de protección que semellaban ter os uniformes portados polos traballadores e traballadoras. Nese momento informóuselles polos operarios de que estaban a fumigar cun produto tóxico e que os seus efectos podían ser nocivos para os cans e que, así mesmo, tales efectos perdurarían durante un par de días.

O maior problema, tal e como denuncian desde a asociación veciñal, radica en que non se colocou ningún letreiro en todo o barri

O maior problema, tal e como denuncian desde a asociación veciñal, radica en que non se colocou ningún letreiro en todo o barrio que alertase do perigo, e tan só nunha parte do perímetro fumigado se situaron unhas bandas brancas e vermellas de plástico que en ningún caso dan a entender a existencia de toxicidade e que ademais non impiden o acceso a cans e crianzas.

De feito, segundo a asociación dúas cadelas de donos distintos foron levadas ao veterinario do barrio nesta mañá 4 de xullo. O profesional informou a asociación veciñal de que os animais sufrían unha intoxicación cuxas causas non ese debían á alimentación.

Novo Vigo rexistrou esta mesma mañá unha pregunta por escrito no concello

Novo Vigo rexistrou esta mesma mañá unha pregunta por escrito no concello para coñecer cal é o produto co que se fumigou, os seu nivel de perigosidade e os seus efectos adversos.

Desde a asociación temen que o herbicida sexa glifosato, un produto tóxico fabricado pola multinacional Monsanto e considerado desde 2015 pola Organización Mundial da Saúde como canceríxeno e cuxo comercio está prohibido no Estado español mais, segundo sinalan desde a asociación, en moitos concellos aínda se está a empregar para rematar coas existencias que as empresas concesionarias mercaron no seu días.