Albiscadas carabelas portuguesas en Ferrol: que son e por que poden ser perigosas?

Unha carabela portuguesa varada na area. (Foto: Europa Press)
A Sociedade Galega de Historia Natural alerta da presenza destes organismos, semellantes á augamar.

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) alertou esta segunda feira da presenza dalgúns exemplares de carabelas portuguesas (physalia physalis) nas praias de Ferrol, un organismo colonial formado por pólipos e con aspecto conxunto de medusa.

A entidade insta a poboación a "extremar as precaucións", xa que poden causar lesións tanto en persoas como en animais. Son organismos que posúen filamentos urticantes, que poden ir de centímetros a 50 metros.

Cómpre prestar especial atención no baño, pois tocar un destes organismos podería causar lesións

Así, a SGHN pide que "se preste atención no momento do baño, para evitar tocalas", e avisar o persoal de socorrismo da praia ou, en caso de non o haber, á Policía Local.

A carabela portuguesa adoita atoparse en mar aberto, principalmente en augas cálidas como as do Pacífico, o Índico ou o Golfo atlántico.

Que pasa se toco unha carabela portuguesa?

Se alguén entra en contacto con elas, é importante desprender os posíbeis fragmentos presentes sen tocalos e lavar ben a zona con auga de mar.

Tamén cómpre evitar as areas, a auga doce ou sustancias como o vinagre, amoníaco ou ouriños, xa que poden potenciar os efectos, e acudir a un centro sanitario para recibir asistencia.

Aínda que a carabela estea morta non se debe tocar, pois as súas toxinas teñen actividade até 48 horas despois e poden causar lesións igualmente.