Alertan que Santiago afronta a terceira vaga con focos de Covid nos tres hospitais

CHUS, en Compostela [Foto: Sergas].

Denúnciao CIG-Saúde de Compostela, que afirma que a Xerencia “segue sen adoptar as medidas preventivas e organizativas necesarias”.

A CIG-Saúde de Compostela advirte que “a falta de medidas preventivas e dunha organización adecuada” está a provocar o encadeamento de varios focos de coronavirus, “con gran afectación entre doentes e profesionais”.

Neste momento, afirma o sindicato, “hai gromos nos tres hospitais do CHUS: na unidade de Somática do Psiquiátrico, na planta 2ª Dereita do Hospital de Conxo, e no andar 5ªB do Clínico, onde ademais, debido ao grande ingreso de pacientes respiratorios hai deficiencias no fluído de osíxeno necesario para a súa adecuada atención.”

 Diante disto, a CIG-Saúde de Compostela alerta que a área sanitaria entra na terceira vaga de contaxios “coa mesma precariedade laboral e a mesma mala xestión sufrida nas anteriores”.  

"Non é posíbel que a día de hoxe non existan unhas medidas preventivas de carácter organizativo nas unidades, que estean as/os profesionais con déficit de información e formación e que sigan a escatimar en EPI, como as máscaras de FPP2, a pesar das queixas reiteradas das traballadoras mediante escritos e mensaxes de correo electrónico á Xerencia", subliñan.