Alerta por temporal: os refachos de vento xa superan os 110 km/h

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidenta Segunda da Xunta mantén activa unha alerta laranxa por temporal costeiro. (Foto: M. Dylan - EUropa Press)
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa e recomenda extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar.

Diferentes zonas das Rías Altas rexistraron durante a mañá deste domingo refachos de vento que superaron os 110 quilómetros por hora. Así, na estación de Meteogalicia na Gándara, en Vimianzo, alcanzáronse o 115,2 km/h, mentres que en Punta Langosteira, en Arteixo, ou en Punta Candieira, en Cedeira, rexistráronse xeiras de máis de 111 km/h.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidenta Segunda da Xunta mantén activa unha alerta laranxa por temporal costeiro na costa atlántica.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezaba ás 6 horas deste domingo no caso do litoral das Rías Altas e estenderíase a partir das 9 horas ao das Rías Baixas. Así, espéranse ventos do sur de forza 8 e de forza 9 entre Vilán-Sisargas e entre Fisterra-Sisargas.

As incidencias multiplícanse polas cidades e vilas da costa, mentres que a Xunta tamén activa a alerta laranxa no Cantábrico onde se prevén ventos de até 100 quilómetros por hora para esta tarde.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa e recomenda extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar, así como que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

O Executivo galego aconsella consultar a páxina web do Centro Integral de Atención ás Emerxencias 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.