Alerta de seca durante o verán: estas son as recomendacións das persoas expertas sobre o uso e consumo de auga

A seca deixou visíbel a aldea somerxida de Aceredo, en Lobios. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

As precipitacións dos últimos meses foron insuficientes e o verán será, previsibelmente, especialmente seco, "dentro dun ano que xa o é".

  1. Restrinxir o baldeo e as regas
  2. Prealerta no Sil e o Limia, alerta no Cabe
  3. Facer un consumo responsábel
  4. Os concellos avanzan restricións
  5. "Nunca sobra auga"

Persoal técnico de diferentes organismos, a Xunta e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil reiteran a necesidade de moderar o consumo de auga, tanto desde o punto de vista individual como por parte das institucións públicas, ante a previsión que apuntan todos os modelos preditivos dun verán seco, e logo de que as precipitacións de maio e xuño resultasen "insuficientes" para rebaixar a tensión do sistema hídrico.

As 'mesas' da seca, tanto da demarcación Galiza-Costa como a de Miño-Sil, manteñen os seus niveis de prealerta, con situacións mesmo máis preocupantes en determinadas zonas, como na bacía do río Cabe, un afluente do Sil que baña municipios como Monforte, O Incio, Pantón ou Sober.

O caudal medio dos ríos na demarcación Galiza-Costa está 46% por baixo dos valores habituais

A Oficina Técnica da Seca da Xunta confirmou, na súa última reunión, o pasado 8 de xuño, que se mantén a situación de prealerta na demarcación Galiza-Costa, onde o caudal medio dos ríos está 46% por baixo dos valores habituais e onde, no mes de maio, ficou a tendencia de valores de precipitación inferiores ás medias históricas. Con todo, o nivel de ocupación dos encoros mantense en porcentaxes arredor de 90% ou superiores.

En declaracións a Europa Press, a directora de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, sinalou que os problemas de escaseza de auga poden ter orixe en varios factores, alén dos climáticos, como as captacións, as infraestruturas de regulación, ou os sistemas de abastecemento de cada territorio.

Por exemplo, non é o mesmo escenario o dun municipio que se fornece desde un encoro ao doutro que depende de pozos ou mananciais, que "non se recargan se non chove de forma abundante e sostida".

Restrinxir o baldeo e as regas

Así, Teresa Gutiérrez recoñeceu que "a situación é preocupante" porque "non se sabe se os caudais van recargar" e por iso "hai que xestionar, facer un uso moderado da auga". A respecto diso, apelou á responsabilidade individual e tamén dos concellos, moitos dos cales —algo máis dun centenar no país— están a tramitar ou teñen xa os seus plans de emerxencia ante a seca.

Após lembrar medidas de aforro por parte dos municipios, como restrinxir o baldeo de rúas, as regas ou o caudal de fontes, subliñou que, no actual contexto de cambio climático, e con previsións que falan dun verán seco "dentro dun ano que xa está a ser seco", "hai que ser prudentes individual e colectivamente".

Prealerta no Sil e o Limia, alerta no Cabe

Na mesma liña, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, recoñeceu que o actual panorama, de "ano pluviométrico anómalo", debe abordarse "sen dramatismo", pero "con certa preocupación responsábel".

Nesta demarcación, os datos de precipitacións reflicten a metade dos valores do ano pasado e o nivel de ocupación dos encoros está case 20 puntos por baixo do de 2021 —en 54%, fronte a 70% do ano pasado—. Con todo, dixo que "a situación da bacía defínese como de normalidade en Miño Alto, Miño Medio e Medio Baixo, de prealerta no Sil e o Limia, e de alerta na bacía do Cabe".

A choiva dos primeiros días de xuño foi "benvida" pero, matizou, "non supón unha gran achega ou solución para os recursos hídricos".

Facer un consumo responsábel

Os municipios galegos, especialmente os de territorios como A Limia, ven con preocupación a chegada do verán, ante as previsións que apuntan escasas choivas e, aínda que moitos aseguraron que xa se están tomando medidas de aforro e non se prevén restricións, outros concellos recoñecen que a época estival e o crecemento exponencial da poboación polos visitantes foráneos pode pór en risco un normal abastecemento.

Desde a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o seu presidente, Alberto Varela, confirmou que este organismo está pendente de manter unha reunión coa Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade para recibir información detallada da situación das demarcacións hidrográficas.

A Fegamp insta a "facer un consumo responsábel" de auga

Porén, sinalou que "se é necesario facer un chamamento conxunto á cidadanía" para facer un consumo moderado do recurso, "farase por responsabilidade". Aliás, Varela informou de que, a nivel interno, a Fegamp recibiu as "reflexións" de varios alcaldes que trasladaron a súa preocupación pola seca.

Os concellos avanzan restricións

Municipios como Sandiás ou Parada de Sil fixeron públicos bandos para apelar á responsabilidade dos veciños, e onde se prevén medidas como a prohibición de usar auga da traída para a rega doméstica ou lavada de vehículos.

No caso de Parada de Sil, o municipio abastécese de mananciais cun sistema de depósitos, pero hai zonas que preocupan, como o núcleo de Parada, onde o consumo de auga dispárase no verán polo uso hostaleiro e turístico, segundo explicou o tenente de alcalde, Francisco Magide.

Tamén prevé "un problema grave de subministración" o alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde, que explicou que os núcleos máis próximos ao Arnoia terán menos problemas, a pesar de que o caudal do río "está a menos da metade do que tiña outros anos". Con todo, aldeas da Limia teñen unha "situación preocupante" porque "os acuíferos están baixo mínimos". "No meu concello imos ter que facer restricións. O cambio climático é algo real, non sae só na tele", constatou.

"Nunca sobra auga"

Pola súa parte, a vogal de Augas e Ríos da asociación ecoloxista Adega, Ana Fernández, fixo fincapé na necesidade de manter en bo estado o ecosistema fluvial e recalcou a importancia de crear conciencia de que "nunca sobra a auga, nin sequera en época de normalidade".

Desde Adega chaman a adoptar decisións buscando "as causas fundamentais da seca" e non só "en función da emerxencia"

Segundo sinalou, a planificación hidrolóxica debe ser compatíbel coa preservación dos ecosistemas e deben adoptarse decisións buscando "as causas fundamentais" da seca, e non só en función da "emerxencia" de períodos determinados. Respecto diso, ademais da xestión responsable do recurso, subliñou a importancia de ter en conta outros factores, como os usos do solo.

Así, apuntou que a Galiza ten un consumo medio de auga superior a outros territorios a nivel xeral, e conta con certos tipos de industria intensiva en consumo de auga. Como exemplo, referiuse á planta de Ence ou á futura planta de fibras téxtiles de Altri, "unha industria moi contaminante e esixente de auga e de eucaliptos".