A alerta por risco de desbordamento mantense en varios ríos galegos, pero as choivas fortes remiten

O río Lérez, desbordado. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
A crecida do río Támega obrigou a cortar unha estrada e un condutor foi rescatado en San Sadurniño após quedar anegado o seu vehículo.

Os efectos das fortes choivas nos últimos días nótanse aínda na Galiza, onde até unha quincena de ríos seguen en alerta por risco de desbordamentos. En concreto, a dirección xeral de Emerxencias e Interior mantén activo o plan especial ante o risco de inundación (Inungal), en situación de alerta, ante posíbeis desbordamentos dos ríos Miño, en Lugo e A Peroxa; Azúmara, en Reguntille; Louro, no Porriño; Ladra, en Insua; e Arnoia, en Baños de Molgas.

Na mesma situación están o Labrada, ao seu paso por Vilalba; o Mera, en Ortigueira; o Mendo, en Betanzos; o Tambre, en Oroso; o Furelos, en Santiso; o Ulla, tamén en Santiso; o Lérez, en Pontevedra; o Oitavén, en Soutomaior; o Rego das Mesas, en Valdoviño, e o Dubra-Tambre, en Val do Dubra.

Segundo a información recibida mediante os sistemas de control e seguimento, ao superar os límites estabelecidos, estes cursos presentan un crecemento significativo dos seus caudais, polo que poden a chegar a darse desbordamentos puntuais.

Río Támega

A crecida do río Támega obrigou a cortar a estrada que une os pobos da Pousa (Monterrei) e Vilela (Verín). Fontes de Protección Civil deste último concello ratificaron que neste tramo de vía secundaria hai tres vivendas que quedan incomunicadas, xa que non se pode acceder a elas a través de ningunha estrada.

En todo caso, precisaron que se trata de segundas residencias que estarían sen ocupar neste momento. Aliás, son inmóbeis construídos en zonas elevadas, polo que tampouco hai risco de que se aneguen. Así as cousas, procedeuse a cortar a estrada para evitar perigos á espera de que, nas próximas horas, vaia baixando o caudal do río e póidase restabelecer con normalidade a circulación.

O 112 informou de que a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Verín deu o aviso pasadas as 8.40 horas. O servizo de emerxencias procedeu a informar á Garda Civil de Tráfico, aos bombeiros de Verín —que non interviron—, e á agrupación de voluntarios de Protección Civil de Cualedro-Monterrei.

Rescate en San Sadurniño

Por outra parte, os bombeiros rescataron unha persona que quedou atrapada no seu coche en San Sadurniño por mor da crecida do río. O 112 confirmou que o único implicado saíu ileso e o seu coche foi retirado do lugar coa axuda dun guindastre.

O 112 Galiza recibiu a chamada dun particular ás 21.45 horas desta quinta feira que alertaba de que unha persona estaba atrapada no seu vehículo en Cornide, San Sadurniño, sen a posibilidade de avanzar ou retroceder debido á crecida do río. Os xestores do 112 solicitaron de inmediato a intervención dos axentes da Garda Civil e da Garda Civil de Tráfico, alén dos Bombeiros do Eume.

Os bombeiros encargáronse de evacuar o condutor atrapado, en bo estado, a un lugar seguro. Posteriormente, recorreron a un guindastre para a retirada do coche.

As choivas remiten

En todo caso, aínda que aínda hai algúns cortes de vías, Meteogalicia non mantén activo xa na Galiza ningún aviso por risco de vento, choiva ou nevaradas, segundo a información que achega esta sexta feira. Se na pasada xornada daba por superado "o peor" do temporal, a entidade de control meteorolóxico apunta na súa predición para este venres que as choivas fortes remiten.

Así, sinalan que a Galiza queda nesta xornada nunha situación intermedia entre altas e baixas presións, cunha fronte pouca activo rozando o país, de forma que o ceo estará nubrado con chuvascos ocasionais durante o día, algo máis activos pola noite e máis probábeis ao norte.

Aliás, as temperaturas experimentaron un ascenso notábel das mínimas e quedarán sen apenas cambios nas máximas. O vento soprará do noroeste, frouxo no interior e máis intenso na costa.