Alerta de emerxencias: por que o teu móbil podería pitar sen pausa esta quinta feira?

O sistema está en fase de probas. (Foto: Nós Diario)
O Goberno español está a probar un novo sistema de envío de alertas por emerxencias ou catástrofes a través das mensaxes 'SMS'. Na Galiza o test será este 27 de outubro.

O Ministerio do Interior, a través da dirección xeral de Protección Civil e Emerxencias, está a realizar diferentes probas de funcionamento do novo protocolo ES-Alert, un sistema de envío de alertas á poboación que se atope nunha zona afectada por "emerxencias ou catástrofes inminentes".

Esta ferramenta despregouse o pasado 21 de xuño co obxectivo de se converter nun "112 á inversa", isto é, co propio equipo de Protección Civil informando a cidadanía de determinadas emerxencias que poidan xurdir.

Así, a tecnoloxía ES-Alert, integrada na Rede de Alerta Nacional, permite ás autoridades de Protección Civil enviar mensaxes de alerta xeneralizadas e inmediatas aos dispositivos móbiles localizados na área xeográfica afectada.

Para probar este novo sistema de avisos, Interior realizará desde esta mesma segunda feira e até o vindeiro 16 de novembro diferentes probas a través das que se remitirá unha mensaxe 'SMS' informando do procedemento, a fin de verificar se funcionaría de forma correcta no caso de que acontecese unha catástrofe.

Mensaxe por vía 'SMS' que chegará a móbiles galegos esta quinta feira.

No caso da Galiza, a proba farase esta quinta feira, 27 de outubro, canda Estremadura e o País Valencià. Ao longo do día algúns teléfonos móbiles de persoas localizadas en territorio galego vibrarán e emitirán un son de alarma acompañado dunha notificación coa mensaxe.

Esa notificación non desaparecerá da pantalla do dispositivo até que a persoa usuaria confirme que leu a mensaxe coa alerta. En caso contrario, o son de alarma proseguirá.