Alerta laranxa por temporal costeiro na meirande parte do litoral galego

Activada a alerta laranxa por temporal costeiro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Segundo informou a Xunta nun comunicado, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) indicou que o fenómeno meteorolóxico comezará a última hora e espérase ao sur de cabo Vilán, con vento do sur ou suroeste de forza 8 e con mar combinado do sur ou suroeste con ondas de até 7 metros.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta da Galiza activou, para esta terza feira, a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral oeste do país.

Segundo informou a Xunta nun comunicado, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) indicou que o fenómeno meteorolóxico comezará a última hora e espérase ao sur de cabo Vilán, con vento do sur ou suroeste de forza 8 e con mar combinado do sur ou suroeste con ondas de até 7 metros.

Afectará toda a costa suroeste e noroeste. No resto do litoral galego (norte), a alerta será de nivel amarelo, por ventos do suroeste de forza 7 e ondas de até 5 metros.

Por este motivo, e coa “fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas”, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galiza, informou da situación aos concellos afectados, deputacións e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, así como clubs náuticos, entre outros.

Precaucións

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa e recoméndase extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Choivas

Por outra parte, na xornada desta terza feira boa parte da Galiza estará en alerta amarela por choivas e vento. Así, desde primeiras horas, as precipitacións acumuladas en 12 horas poderán superar os 40 litros por metro cadrado no oeste e suroeste da Coruña; no sur e na montaña de Ourense e nas Rías Baixas e no interior de Pontevedra.

Ademais, desde primeiras horas desta madrugada os refachos de vento de compoñente sur poderán superar os 80 quilómetros por hora.