Alerta laranxa en todo o litoral galego por ventos e ondas de até 7 metros

Ondas no litoral do concello de Oia (comarca do Baixo Miño). (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

A neve volve ás comarcas de montaña

Todo litoral galego permanece en alerta laranxa desde a tarde desta quinta feira por ventos que poden alcanzar a forza 8 en Estaca de Bares (comarca de Ortegal) e ondas de até 8 metros de altura.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta da Galiza activou o aviso ante as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet). Mentres, Meteogaliza mantén esta quinta feira o litoral nunha alerta amarela que elevará a nivel laranxa desde a mañá da sexta feira até a tarde do sábado.

Así, Aemet agarda que estas condicións meteorolóxicas adversas se manteñan durante toda a quinta feira, con posibilidade prolongarse até a sexta e, mesmo, o sábado.

Os ventos soprarán do oeste ou suroeste con forza 7 que podería alcanzar de forma puntual o grao 8 en cabo Ortegal-Estaca de Bares. Tamén se agardan ondas de seis metros con posibilidade de chegar aos 7.

A Xunta da Galiza apela a extremar as precaucións ante esta situación adversa no mar e o litoral galego, que xa foi comunicada a concellos, deputacións, servizos provinciais de emerxencias e clubs náuticos.

Chama a manterse afastado da liña de costa na medida do posíbel e que se garden as medidas de seguridade ao máximo á hora de realizar calquera actividade no mar.

Ademais, segundo recolle Meteogaliza, a neve volverá este sábado ás comarcas da Fonsagrada, Meira, Quiroga, Os Ancares, Terra de Lemos e Sarria, onde ficará activa unha alerta amarela por neve durante toda a xornada.