Alerta laranxa por temporal costeiro nas Rías Altas e no litoral da Mariña

Ondas no litoral coruñés. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A chuvia, o vento e as condicións do mar manteñen en aviso varias zonas da Galiza 

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral noroeste e norte da Galiza.

Segundo informa a Xunta nun comunicado, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa en alta mar entre Prior e Bres, con vento do suroeste-oeste de forza oito, nas Rías Altas e no litoral da Mariña.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa: diques, rompentes e paseos marítimos. E recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar mais que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Vento e chuvia

O vento, a chuvia e as condicións do mar deixarán, ademais, outras zonas da Galiza en aviso ao longo da xornada.

As inclemencias meteorolóxicas manteñen as Rías Baixas en alerta amarela. Tamén se esperan fortes xeiras de vento de máis de 80 quilómetros por hora na Mariña e nas zonas de montaña do interior.

As previsións apuntan chuvias de máis de 40 litros por metro cadrado en 12 horas na marxe atlántica.