Alerta laranxa por refachos sen contexto

A estación de Penedo do Galo (Viveiro) adoita medir, pola súa altitude, os refachos máis significativos da zona da Mariña.
Atendendo ao parte meteoróloxico, Viveiro pasa moitas veces por ser a zona máis venteada, non xa da Mariña, senón da Galiza toda. Refachos por enriba dos 140 quilómetros por hora, superiores aos de puntos como Os Ancares ou Manzaneda, repítense durante as alertas por borrasca en moitas das medicións. Non é tal.
 

"A estación de Viveiro –a de Penedo do Galo, a 545 metros– está no punto máis alto da zona, totalmente exposta, e por iso mide moitísimo vento. O dato na vila non ten nada que ver, non chega en moitos casos á metade", desmonta Carlos Balseiro, meteorólogo en Catro Gotas, quen sinala que a serra do Xistral protexe as poboacións da Mariña.

Como explica, os mesmos picos recóllense na estación de Burela, que tamén marca ventos por enriba da media da zona, ao situarse a 400 metros de altitude. "Agora destaca máis a de Penedo do Galo, pero é porque está máis alta", expón. 

Desde Meteogaliza, o experto en predicións Carlos Otero corrobora a avaliación. "As medicións nese punto son reais, pero teñen unha representatividade moi local, non poden extrapolarse a toda a Mariña", analiza o especialista, que engade que a estación en cuestión, ou a de punta Candieira (en Cedeira), teñen "unha fenomenoloxía local que fai que o vento que vén do mar ou do Xistral se acelere neste punto concreto".

Son, recoñece, os "picos" que adoitan saír destacados nos medios, se ben os avisos laranxas que estes días poden activarse na zona non responden tanto a eses refachos como a que varias medicións superen os 100 km/h. "Nestas, localmente, poden estar por enriba dos 130 ou os 140 km/h", advirte.  

Á hora de situar as áreas máis ventosas, o meteorólogo lembra que no territorio galego "o vento é moi orográfico", e acelérase na montaña. "Alí onde vemos eólicos, hai vento", indica, para opoñer os vales, como Ourense, como as menos venteadas.  

 "Normalmente, o vento que máis afecta á Galiza é o do suroeste, entón os puntos de entrada nas rías baixas son os máis afectados", abunda desde Catro Gotas Balseiro, quen estende a valoración a toda a Costa da Morte e Ferrolterra, ademais das cotas máis altas e, "sen dúbida", tamén a zona montañosa do interior. "A partir de 1.500 ou 2.000 metros de altitude, o vento chega limpo porque non roza coa terra", avalía.

Algo distinta é a explicación que atopan estes profesionais para xustificar a sona do concello vigués de Fornelos de Montes como o máis chuvioso. "Este dato é máis realista que o de Viveiro, é unha das zonas máis chuviosas, sen dúbida", observa Carlos Balseiro, malia subliñar que a medición depende tamén da estación. Ocorre tamén na de Cuntis ou a da Muralla, en Lousame, onde, ao ser picos altos e moi illados, as estacións reciben a auga "da propia nube, máis que da que precipita". 

 O experto sitúa varias áreas da xeografía especialmente húmidas, como o interior da Costa da Morte e as "caras norte" das rías baixas, polo efecto dos montes que lles quedan detrás cando entra unha fronte. "O aire empeza a subir, arrefría rapidamente, condensa, fórmase a precipitación e descarga", representa. 

Coicide o profesional de Meteogaliza. "É unha estación que recolle moita auga, como a de Boiro, onde tamén chove moito", comenta, e lembra que "a gran masa de auga que entra na Galiza vén principalmente desde o Atlántico, en forma de frontes, e estes son os primeiros accidentes xeográficos que atopa". Segundo fai notar, as chuvias son "máis intensas e máis persistentes" que noutras localizacións "porque as nubes quedan estancadas".