A alerta laranxa deixa ventos de até 140 quilómetros por hora en varias zonas da Galiza

Temporal en Ribadeo en novembro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Os ventos deixáronse notar en diversos puntos como no municipio de Viveiro (A Mariña) -128,4 km/h-, no municipio de Arteixo (Coruña) -109,4- e no municipio de Bueu (O Morrazo) -105,7 km/h-.

A alerta laranxa deixou esta quinta feira na Galiza ventos de case 140 km/h no municipio de Cedeira (comarca de Ferrolterra) e fortes choivas que alcanzaron no total acumulado os 81,3 litros por metro cadrado no municipio de Poio (comarca de Pontevedra).

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activou o nivel laranxa por choivas que afectaron ao noroeste e suroeste do país a partir da madrugada desta quinta feira e que finalizou en torno ao mediodía desta xornada.

Ademais, o noroeste e oeste da costa galega atópase en alerta amarela até esta madrugada xa que se espera mar combinado do noroeste de catro a cinco metros.

Os ventos deixáronse notar en diversos puntos como no municipio de Viveiro (A Mariña) -128,4 km/h-, no municipio de Arteixo (Coruña) -109,4- e no municipio de Bueu (O Morrazo) -105,7 km/h-.

Ademais, as fortes choivas alcanzou o seu máximo nivel en Poio onde Meteogaliza rexistrou os 81,3 Litros por metro cadrado (L/m2). A continuación, sitúase Ponte Caldelas con 80,2 L/m2 e os municipios de Boiro, con 76,8 L/m2, e o de Lousame con 73,7 L/m2.

Sexta feira

Para a xornada da sexta feira, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta da Galiza activou a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral oeste e noroeste da Galiza.

O fenómeno meteorolóxico adverso empezará esta medianoite con mar combinado do noroeste con ondas de ata seis metros e ventos do oeste de forza sete. No resto do litoral galego haberá alerta amarela por mar combinado con ondas de ata cinco metros e, na Mariña, ventos de forza sete.