Alerta laranxa na costa e amarela no interior do país

Agárdanse rachas de forza oito no litoral e até de 80 quilómetros por hora no interior (Nós Diario)

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior activou as alarmas para este domingo debido á profunda borrasca que atravesa Galiza, con ventos de até 100 km na Mariña.

Galiza estará baixo a influencia dunha profunda borrasca situada ao Norte das Illas Británicas que deixará ventos de ata 100 quilómetros por hora na Mariña e rachas de até 80 km por hora no interior do país.

Ademais, tamén a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) ampliou a alerta laranxa polo mar combinado do oeste-noroeste con ondas que poderán alcanzar os seis metros de altura desde primeira hora da mañá e os oito ao longo da xornada.

O vento sopra forte desde as 9 horas, e agárdanse rachas de forza oito no litoral e até de 80 quilómetros por hora no interior.

A Xunta lembrou a importancia de manterse afastado da liña da costa, e tamén recomenda que se extremen as precaucións e as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar.

Co avance do día as nubes e as chuvias intensificaranse, e da faixa atlántica estenderanse cara á noite polo resto territorio do país.