Alerta amarela en boa parte do litoral galego por temporal costeiro

Un temporal no pasado mes de decembro deixou ondas de até catro metros de altura. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Durante a xornada do domingo haberá unha situación intermedia entre o anticiclón situado no centro peninsular e unha profunda borrasca ao oeste de Irlanda, que deixará ventos do suroeste.

Meteogaliza activou, para este domingo, a alerta amarela por temporal costeiro no noroeste do país e na Costa da Morte, ademais A Mariña estará en alerta por vento. Desta forma, espéranse ventos fortes entre Fisterra e Estaca de Bares, con refachos superiores ao 80 km/h na contorna da Mariña.

Durante a xornada do domingo haberá unha situación intermedia entre o anticiclón situado no centro peninsular e unha profunda borrasca ao oeste de Irlanda, que deixará ventos do suroeste. O ceo estará máis despexado no terzo norte e leste do territorio e máis cuberto na franxa atlántica con posibilidade de orballo.

Pola noite

Pola noite, os ceos estarán cubertos, con choivas que entrarán de oeste a leste co avance da madrugada. En canto ás temperaturas, terán un moderado ascenso máis acusado nos valores mínimos e o vento soprará forte de sur.

Durante este sábado o refacho de vento máis forte rexistrado foi durante a madrugada no municipio de Muras (Terra chá). Ademais, a xornada estivo marcada polas baixas temperaturas e os termómetros marcaron os -5,4 graos en Calvos de Randín (A Limia).