Alemaña insta @s desempregad@s a ''aforrar en carne, vender os mobles e beber da billa''

[Imaxes tiradas da guía]

A oficina de emprego de Pinneberg vén de editar unha guía en que recolle as recomendacións básicas que quen non ten traballo remunerado debe seguir se quere conservar a prestación que cobra


Deixar de comer carne. Beber unicamente auga da billa. Vender os mobles e até deixar a casa para ir vivir a outra máis pequena. Son os "consellos úteis" que unha oficina de emprego de Alemaña, a da cidade de Pinneberg, vén de publicar nunha guía onde ensinan ás persoas que non teñen traballo remunerado a xestionar mellor a prestación social que reciben.

Non é unha brincadeira propia do primeiro de abril senón un libro de 112 páxinas emitido por un organismo oficial. A través da familia Fischer, de catro integrantes e retratada na guía, Alemaña decidiu marcar a folla de ruta a seguir por quen cobra o desemprego. Na primeira folla a nai e o pai informan ás dúas crianzas de que veñen de solicitar a prestación e que como medida de aforro na casa deixarán de comer carne. "Sempre quixen ser vexetariana", exclama entusiasmada a nena.

Só poden ter mobles e os cartos que gañan se os venden

Noutro episodio a familia reflexiona que "a nosa casa é moi grande e ten moitos gastos. O mellor é buscar outra". Proceden entón á subasta de varios mobles polos que reciben 350 euros. Neste punto, a oficina de emprego de Pinneberg advirte: "o diñeiro obtido pola venda dos mobles e demais obxectos do fogar non lles será descontado da prestación". 

Non é unha obviedade. En Alemaña, as persoas que levan máis de dous anos no desemprego e aqueloutras que non tiveron nunca un traballo remunerado teñen dereito a unha axuda non contributiva que cobre o pago dun aluguer e unha pensión de subsistencia duns 350 euros, podendo a familia traballar até ingresar outros 100 euros máis sen perder estes ingresos sociais.

Porén, non poden dispor de ningún ben en propiedade nin de cartos aforrados, polo que @s desempregad@s venden as xoias e incluso a vivenda pois a axencia de emprego resérvase a potestade de enviar alguén que supervise se na casa hai algún ben que non é 'adecuado' á situación económica que debe ter @ traballador@ para recibir a prestación.

Por tanto, unha das poucas cousas que poden posuír son os mobles e o diñeiro resultante de os vender. Na imprensa téñense publicado casos de oficinas de emprego que controlan as rúas, os supermercados e as caixas do correo, por ver se as familias fan gastos que non declaran ou van de ferias sen o consentimento da axencia alemá de emprego. 

O subdirector do Inem alemán considera ''estupenda'' esta guía

Continuando coa guía, nun supermercado a nai fala con outras nais que lle aconsellan que para facer cadrar as contas o mellor é beber auga da billa e non embotellada.

Poderían ser recomendación orientadas a mudar os nosos hábitos de consumo cara unha alimentación máis saudábel ou aforrando en gastos innecesarios. Non faltan incluso os consellos clásicos de empregar pouco a calefacción ou apagar as luces. 

Porén, son as directrices que para conservar unha prestación por desemprego debe seguir a cidadanía de Pinneberg e que foron loadas polo subdirector da axencia nacional de emprego alemá, Heinrich Alt, como "unha guía estupenda", segundo publicou na súa conta de Twitter. 

Para alén do sinalado, as persoas que cobran as prestacións son chamadas para realizar traballos nun réxime moi similar á medida privativa de dereitos que se lle impón a persoas que cometeron algún delito, os traballos en beneficio da comunidade. Se se negan a os facer son sancionadas. A medida xa foi imitada no Estado español e a Comunidad de Madrid obriga @s desempregad@s a traballaren de balde para as institucións públicas.