Presidente da Coordinadora Galega de ONGD

Alejandro Quiñoá: "As relacións cos Gobernos teñen que ser tensas"

Alejandro Quiñoá en Compostela (Foto: Arxina)
A Universidade de Vigo recoñeceu estes días os 30 anos de traballo internacional a prol dos dereitos humanos da Coordinadora Galega de ONGD. O seu presidente fala para Nós Diario da traxectoria desta organización e das dificultades que teñen que salvar para actuar nun contexto mundial difícil e con escasos recursos.

Como valora estes 30 anos de vida da Coordinadora?

Xurdiu como un espazo de encontro entre colectivos con diferentes sensibilidades, formas de ver o mundo mais co imperativo ético da solidariedade global. Partiu das acampadas do 0,7% e continúa como un movemento social netamente galego onde a xente que traballa a solidariedade galega internacional desde a Galiza suma forzas.

Conseguimos avances coas institucións mais, a día de hoxe, non chegamos a ese 0,7% con ningunha administración. Os retos polos que nacemos seguen vixentes. Co paso do tempo a Coordinadora segue a ser a entidade máis representativa da solidariedade e a cooperación internacional na Galiza con 45 ONGD.

Foi doada a convivencia entre as diferentes organizacións?

Foi harmónica. Entendemos que as organizacións xorden en momentos e contextos determinados mais atopan na Coordinadora un espazo de consensos.

Traballar os consensos, no que nos une, é o reto que temos entre todas. Facelo, ademais, de maneira descentralizada. Dar voz non só desde o centralismo compostelán. Por ese motivo temos comisións sectoriais de traballo e grupos locais para que a participación sexa en igualdade.

Que impulsa a participación nestas organizacións?

É difícil dar unha resposta única. supoño que as motivacións son moi plurais. Creo que calquera persoa que sexa consciente da necesidade de cambios nunha maior xustiza social, das desigualdades que se están a vivir no mundo e da insatisfacción dos dereitos humanos, ten unha motivación, xa de partida, grande para participar nas ONGD.

Ofrecemos eses espazos proactivos nos que facer rede con outras organizacións. Non falamos en nome de ninguén. Queremos ser altofalantes da sociedade civil dos países empobrecidos para que dean a coñecer os seus discursos. Logo virán as motivacións máis sectoriais, desde a enxeñaría até a arquitectura.

Tamén hai motivacións políticas, de apoiar determinados movementos como acontece co Sáhara ou Palestina. Por último hai unha defensa decidida dos dereitos humanos en países onde non se respectan.

Cales son os principais atrancos que atopan?

O principal é o financiamento. Cando falaba do 0,7% como un compromiso ético vemos que a día de hoxe na Galiza non se cumpre en ningunha administración. A Xunta dedica un 0,05% á cooperación internacional.

Hai moito que avanzar no compromiso das institucións públicas cara á solidariedade global. No traballo sobre o terreo observamos que os movementos sociais do sur son molestos na maior parte dos países nos que estamos. Especialmente as persoas que se dedican a defender os dereitos humanos. A nivel global, o autoritarismo está a despuntar e as desigualdades son cada vez máis amplas.

O informe de 2020 de Frontline Defenders fala de que asasinaran 331 persoas, 44 delas mulleres e a metade delas en Colombia. Hai contextos nos que é moi difícil poder traballar con tranquilidade e seguridade, garantindo unhas condicións de integridade.

Como son as relacións que teñen cos diferentes Gobernos a nivel nacional e internacional?

As relacións teñen que ser tensas. Ao final a nosa función é demandar a satisfacción de dereitos e visibilizar a vulneración dos mesmos. Promover vías de encontro que nos permitan ser propositivas e que os movementos sociais de base daqueles países nos que traballamos poidan ser suxeitos activos.