20 anos do 'Prestige'

‘Alegría’: para lembrar o que pasou hai 20 anos co ‘Prestige’ e o que cómpre facer aínda agora

Estrea no domingo do documental de Ecoloxistas en Acción.

Ecoloxistas en Acción presentou esta fin de semana o documental, coproducido con Urco Producións, e que percorrerá diferentes cidades galegas.

‘Alegría’ é un documental para conmemorar o vixésimo aniversario do afundimento do Prestige e faino desde unha dupla perspectiva. Tanto lembrando e homenaxeando o movemento social que se xerou para combater a catástrofe, como lembrando a necesidade de “mellorar” a coordinación de medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima.

O traballo, coproducido por Ecoloxistas en Acción Galiza e Urco Producións e dirixido por Luis Otero, tamén pretende facer fincapé na urxencia de “aumentar a cantidade e calidade das inspeccións dos buques que atracan no litoral da Galiza”, ademais de “pór énfase na necesidade de terminar coa dependencia do petróleo”.

“Convén lembrar que 70 % do transporte marítimo europeo pasa fronte a Galiza, uns 40.000 barcos ao ano, e aproximadamente un de cada tres (38 ao día) transporta mercadorías perigosas, ademais do seu combustible. Lembremos o accidente do quimiqueiro Blue Star na Ría de Ares o ano pasado”

Mais este documental é, sobre todo, unha homenaxe á “vaga de solidariedade, a marea branca” que “supliu a carencia de medios coa forza da ilusión". "Mentres o Goberno de España, ausente, seguía negando a súa existencia”, lamentou.

O colectivo ambientalista explica que escolleu este título porque “Alegría!” era o berro de guerra contra o chapapote que os voluntarios e voluntarias entoaban cando o cansazo facía efecto neles”. “Unha exclamación popular que devolveu a dignidade ao pobo galego”.

A primeira proxección na Galiza foi este domingo na Praza do Berbés de Vigo, seguida dun coloquio sobre as consecuencias da catástrofe.

A partir de agora, a peza audiovisual percorrerá outras cidades da Galiza. Estará no Cineclube pai Feixoo de Ourense o día 16; o Museo do Pobo, en Santiago de Compostela, acollerá a proxección o 18 de novembro. O Teatro Principal de Pontevedra (día 19), o Museo do Mar en Lugo (día 20), e o Círculo de Artesáns da Coruña (22 de novembro) serán as seguintes paradas do documental.