Aldea viva pide tomar nota en Touro do acontecido en Brumadinho

Unha das balsas mineiras abandonadas en Touro. Imaxe: Aldea Viva

“O desastre da mina de Touro podería ser tres veces maior que o de Brumadinho en Brasil”. Afírmao a través dun comunicado a asociación Aldea Viva, que sinala que a balsa mineira proxectada a escasos metros das vivendas na aldea de Arinteiro tería unha capacidade máxima duns 50 millóns de metros cúbicos de lodos. “Estas cifras extráense do proxecto presentado por Cobre San Rafael, que ademais cualifica o risco de rotura como moi alto seguindo as directrices da asociación de presas de Canadá . Nese mesmo documento cífrase o posible número de perdas humanas entre 10 e 100”.

 

A asociación xa alertara no seu momento da perigosidade que suporía construír unha balsa de tales dimensións, con máis de 3 km de lonxitude e 50 metros de alto, a carón de núcleos de poboación.

 

“Os datos ofrecidos por axencias internacionais como Reuters falan dun total de 13 millóns de metros cúbicos vertidos tras a rotura das balsas mineiras no Brasil, unha cifra moi inferior á capacidade total da balsa de Arinteiro. No ano 2015 no mesmo estado de Mina Gerais rompeu outra balsa mineira, tamén propiedade de Vale S.A. Os lodos percorreron 700 km até chegar o mar, un caso que se podería dar facilmente  en Touro tendo en conta que a distancia á ría de Arousa  è moito menor e que os numerosos cursos fluviais que nacen na mina desembocan no río Ulla”.