As persoas preguntadas consideran que o confinamento aumentou o risco de agresión

Alcol e machismo, causas de violencia de xénero no inquérito de Igualdade

A conciencia social do problema medrou un 10%. (Foto: Nós Diario)
A Consellaría de Emprego e Igualdade, liderada por María Xesús Lorenzana, presentou esta sexta feira en Compostela a macroenquisa sobre a percepción que a cidadanía galega ten da violencia de xénero, botando á luz que case 90% das persoas preguntadas consideran que o alcol, as drogas e os problemas mentais teñen que ver na actitude do agresor. 

A macroenquisa de percepción sobre violencia de xénero presentada na mañá de hoxe pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Xesús Lorenzana, desprende que 88,7% das persoas galegas consultadas vincula este tipo de agresións a problemas psicolóxicos ou mentais por parte do maltratador, e 86,9% atribúeas ao abuso de drogas ou de alcol, fronte a 87,1% que a relaciona directamente co machismo.

Xunto á conselleira compareceu a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, que lamentou que exista esta percepción que vencella tanto a violencia de xénero como a violencia sexual con "problemas de alcol e mentais", pero advertiu que, no caso da violencia sexual, a poboación moza "si cre que é o machismo" o que está detrás.

Na súa intervención, a conselleira reivindicou que a concienciación experimentou un aumento, pero tamén quixo apostar por "traballar" para combater "estereotipos" como os que estabelecen eses vencellos entre violencia machista e problemas mentais.

De feito, os tres factores mencionados (problemas psicolóxicos, drogadicción e machismo) son os mesmos que aparecían como máis importantes nas enquisas realizadas en 2005 e en 2012.

O que se cre leve ou grave 

Esta macroenquisa, que foi realizada a partir de preguntas a 3.874 persoas (55,7% de mulleres e 44,3% de homes), saca á luz a maneira na que se matizan ou se consideran un tipo de accións leves ou graves.

Deste modo, segundo os datos recollidos, 20% das persoas que participaron no estudo ve "leve" revisar o móbil da parella, pedirlle que mude de vestimenta ou pór obstáculos ao goce do tempo coas súas amizades.

Noutro senso, 99,2% das persoas preguntadas considera grave danar as crianzas para prexudicar a súa nai, 97,2% obrigar a parella a ter sexo aínda que non queira e 94,3% amosar vídeos ou fotos comprometidas sen o seu consentimento. Con todo, de acordo coa macroenquisa, as mulleres consideran que os actos son graves "en maior medida" que os homes preguntados.

Sobre o tratamento dos medios de comunicación, arredor de 56% da mostra considera que estes "non lle dan toda a importancia que deberan" á violencia de xénero e "a miúdo o tratamento que fan é pouco respectuoso para as vítimas".

Violencia e confinamento

O confinamento, consecuencia do decreto do estado de alarma no mes de marzo e provocado pola pandemia da Covid-19, tamén ten o seu reflexo na macroenquisa da Consellaría de Igualdade.

Desta maneira, 65,5% das persoas que participaron no estudo consideran que a violencia de xénero aumentou durante ese período e 87% cre que o feito de convivir durante 24 horas continuas supuxo "maior risco" de agresión.

Máis ao fío das medidas restritivas posteriores ao confinamento, 76% das persoas  preguntadas entende que o illamento derivado delas para controlar a expansión da Covid-19 "pode dificultar a petición de axuda" en caso de sufrir violencia machista.

“As mulleres que padecen este tipo de violencia na Galiza deben saber que non están soas, que existen recursos públicos e unha rede de profesionais que poden axudalas a atopar unha saída”, destacou durante a presentación da enquisa a conselleira Lorenzana.

A intervención da titular de Emprego finalizou tratando o que afecta a ese epígrafe máis directamente. “Hai que loitar pola inserción laboral das vítimas da violencia de xénero", dixo Lorenzana, para engadir que "unha parte da poboación entende que a causa da violencia reside en que as vítimas non poden abandonar a contorna onde se atopan por falta de recursos económicos". Nesta dirección, a conselleira dixo que "debemos apostar pola inserción laboral e pola formación para o emprego”.