Alcoa consome tanta electricidade como o 74% dos fogares galegos

Adega arremete contra a factoría, que deixa unha pegada ecolóxica equivalente ás 3/4 partes da poboación da Galiza. Exixen que non use os postos de traballo ''como escudos humanos'' para non deslocalizar a produción a cambio dunha baixada no prezo da luz. A cidadanía paga un 3,95% máis desde o 1 de xullo

A factoría de Alcoa en Lugo consome tanta electricidade como o 74% dos fogares galegos. Así o sinala un informe que vén de facer público a asociación ecoloxista Adega, no que compara a enerxía que lle cómpre á fábrica de San Cibrao con aquela que usan outros sectores socioeconómicos da Galiza. Alén da elevada porcentaxe xa indicada, a pegada ecolóxica é igualmente destacábel, ao corresponder a un proceso, a electrólise do alumnio, "moi intensivo" no consumo de electricidade.

Tomando en conta as consecuencias que a obtención desta enerxía ten no ambiente, e a recente suba da luz acordada en Madrid, dun 3,95% coa entrada do mes de xullo --e un encarecemento do 70% desde 2006--, Adega entende que a pretensión de Alcoa de obter prezos máis favorábeis "baixo a ameaza de peche e deslocalización" son "case obscenas". A multinacional leva 32 anos operando na Mariña lucense, e neste tempo non desenvolveu "ningún" sistema de autoconsumo enerxético para reducir a súa factura eléctrica, como poderían ser aqueles baseados na enerxía solar, eólica ou maremotriz.

Alcoa "ameaza con levar o seu negocio a terceiros países con enerxía máis barata e menos restricións ambientais se non se lle dá o que pide". Pide, segundo Adega, electricidade a un prezo máis baixo, para poder minimizar os custos e manter o seu nivel de beneficios. Un ERE afecta desde o mes de abril a factoría da Coruña. Durará até 2013 e afecta a 420 traballador@s. En San Cibrao hai 1.200 no complexo e ao redor de 700 nas auxiliares. Adega arremete contra a factoría por usar os postos de traballo "como escudos humanos se non se atenden as súas esixencias".