Alcaldes reprochan a Comesaña a falla de solucións ao "colapso" sanitario

A xuntanza decorreu na delegación da Xunta en Pontevedra (Foto: Europa Press).
O conselleiro reuniuse con rexedores de Pontevedra.

Os alcaldes da área sanitaria de Pontevedra reprocharon esta quinta feira ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a situación de "colapso" sanitario neste demarcación así como a falla de solucións á mesma por parte da Xunta. Así llo transmitiron na reunión mantida na tarde desta quinta feira.

O alcalde accidental de Pontevedra, Tino Fernández —Miguel Anxo Lores non puido asistir por un compromiso de axenda— resumiu o sentir dos rexedores após a xuntanza ao afirmar que  non Comesaña non debería asistir a esa cita para "botar balóns fóra e culpar outras Administracións dunha situación que xa é crónica, que non naceu este verán, que se sabía que estaba por vir".

O representante do Concello de Pontevedra explicou que as intervencións dos alcaldes foron case todas na mesma liña, "na profunda decepción que un sente ao ver que o que se está contando é unha realidade paralela á que vivimos".

"Falásenos dunha Sanidade que vén mellorando, que incrementou o número de facultativos e de persoal, mais a realidade que nós vivimos decotío, como responsábeis municipais, é completamente diferente e así llo trasladamos. Non é de recibo dicir que se mellorou o sistema de citas se logo non es atendido porque non hai médicos para que te atendan", dixo.