O alcalde de Quiroga (PP) critica a "mala planificación" do Sergas no proceso de vacinación a maiores

Unha persoa recibe a terceira dose da vacina en Pontevedra. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG denunciou as "dificultades" dos maiores de 80 anos para acudir aos vacinódromos.

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez (PP), criticou esta segunda feira a "mala planificación" do Servizo Galego de Saúde (Sergas) na vacinación a maiores, ao non permitir que se lles inocule a cuarta dose nos centros de saúde de cada concello na primeira chamada, tendo que desprazarse ao hospital de Monforte, a case unha hora de distancia de varias parroquias.

Álvarez sinalou que, aínda que o seu municipio ten “un cobertura sanitaria envexábel”, cun “PAC extraordinario e un persoal igualmente extraordinario”, “Quiroga non é só Quiroga, senón que dá cobertura a outros concellos como son Ribas do Sil e tamén Folgoso do Courel”, que son “municipios de montañ”.

“No medio rural temos unha serie de dificultades engadidas, non temos transporte urbano e por iso fáltanos algo que nos impide acceder a uns servizos tan elementais como son as vacinas”, lamentou o rexedor do PP, “sobre todo se se fai con 'un veña vostede cando lle toque' ou 'xa veremos se pode recorrer á repesca’”, criticou.

O alcalde de Quiroga detallou que “as persoas da terceira idade que teñen esas limitacións físicas inherentes á propia idade, que viven no medio rural teñen que queixarse porque queren calidade de vida e esa calidade de vida dálla a saúde".

“Evidentemente, este é un fallo de mala planificación", sentenciou, para despois afirmar que  el é "un altofalante" das queixas da veciñanza de Quiroga, da que "máis de 50% dos veciños son da terceira idade".

Protestas polos desprazamentos

A pasada semana, o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG denunciou as "dificultades" dos maiores de 80 anos que están a ser convocados para a dose de reforzo da vacina contra a Covid-19 para acudiren aos centros de vacinación, os coñecidos como 'vacinódromos'.

Segundo remarcaban nun comunicado, trátase de persoas que, na súa maioría, xa non conducen, e ás que lles supón tamén "un trastorno enorme" trasladarse desde os seus lugares de residencia aos hospitais de referencia.

Como exemplo, sinalaban que as persoas chamadas a vacinarse que viven do outro lado da ría de Vigo "teñen que coller primeiro un barco e despois un taxi para chegaren ao hospital", algo que cualifican de "despropósito". E engadían que, co inverno xa próximo, "non é de recibo facer que as persoas maiores que veñen do rural teñan que percorrer 30, 40 ou 50 quilómetros, facer colas de pé, ao frío e quizais baixo a choiva".