O alcalde da Coruña recibe un rosario para o PP como ''brazo executor'' da Igrexa contra o aborto

Arriba, Vitoria Louro e a concelleira Avia Veira co rosario; abaixo, Negreira co bispo

Entregoullo vía rexistro municipal a responsábel de acción feminista do BNG na comarca herculina, Vitoria Louro, coa advertenza de que "as mulleres non nos cansaremos de berrar que non queremos os seus rosarios nos nosos ovarios". A acción serviu para reivindicar o dereito delas a decidiren sobre os seus embarazos.


"As mulleres non nos cansaremos de berrar que non queremos os seus rosarios nos nosos ovarios", sentenciou Vitoria Louro, responsábel de acción feminista do BNG na comarca da Coruña en alusión ao PP e ao seu representante na cidade herculina, o alcalde e presidente provincial Carlos Negreira. Louro acusou á formación conservadora de seren "o brazo executor" da ofensiva da Conferencia Episcopal contra o dereito de autodeterminación das mulleres sobre os seus corpos e, nomeadamente, das grávidas sobre os seus embarazos. 

Aproveitando as festas de inverno en que nos atopamos, a nacionalista e feminista quixo ter un agasallo co rexedor Negreira que lle recorde que "loitaremos contra esta reforma da lei do aborto" e que "non hai maior inimigo das mulleres que a Conferencia Episcopal, fascista e patriarcal, e o PP que se axeonllea aos seus ditados".

Con tal obxectivo, entregou no rexistro municipal da Coruña un rosario de contas simbolizando, aliás, "a querencia do PP de recorrer a pregarias a imaxes relixiosas para agochar a súa incompetencia á hora de ofrecer solucións á cidadanía". Neste sentido, Louro recordou os rezos que o propio Negreira ofreceu á virxe do Rosario, padroa da cidade; e aqueloutros que a ministra de Emprego, Fátima Báñez, dedicou á virxe do Rocío. 

Repulsa polo asasinato de Isabel: "seguirán a matarnos"

Pondo o acento no asasinato de Isabel Pérez Fraga, perpetrado polo seu compañeiro sentimental en Marín na quinta feira 26, Vitoria Louro rexeitou que as medidas do PP desmantelan os avances conqueridos en materia de equidade e "seguirán a matarnos" porque o que pretende a formación conservadora é "que sexamos sumisas ao home" mais tamén porque a contrarreforma do dereito ao aborto "obríganos a acudir a métodos clandestinos e inseguros cando non queiramos seguir adiante cun embarazo".

A desta segunda feira foi unha acción simbólica en prol da autodeterminación delas sobre os seus corpos, autodeterminación que o Bloque reivindicará presentando mocións en todos os concellos da Galiza e exixindo no Congreso español a comparecencia d@s titulares de Xustiza e Sanidade, Alberto Ruíz-Gallardón e Ana Mato.