Investigador do grupo GEN da Universidade de Vigo

Alberto Vaquero: "É vital adaptar a xornada de traballo para facilitar a conciliación"

Alberto Vaquero diante do edificio xurídico empresarial da Universidade de Vigo.

Un estudo elaborado por persoal investigador do grupo Governance and Economics Research Network (GEN) da Universidade de Vigo certifica viábel que o Goberno español asumise as cotizacións á Seguridade Social dos pais e nais que durante un tempo deixasen de traballar por coidado de crianzas.

Cales son as principais conclusións do estudo?

A Comisión Europea sinala que as mulleres se atopan en clara desvantaxe nas pensións de xubilación baseadas en criterios puramente contributivos. As menores taxas de actividade e ocupación, así como o menor tempo de cotización, con bases máis reducidas, en parte por desenvolver con maior intensidade tarefas relacionadas co coidado de crianzas, provoca que á hora de cobrar unha pensión este diferencial no mercado de traballo supoña menores percepcións.

Atopamos que unha das potenciais vías de actuación é a través de medidas sobre as cotizacións sociais. Consiste na introdución dunha cotización mínima para proxenitores de familias numerosas que se viron na obriga de facer un paro temporal na súa traxectoria laboral. Neste primeiro caso estimouse que se debería realizar unha achega global á Seguridade Social vía Orzamentos do Estado de 58.569 euros por persoa beneficiaria. Baixo este suposto, garantiríase mensualmente unha pensión de 404,7 euros.

Confirma a fenda de xénero en todo tipo de coidados, tamén no das persoas maiores? 

O Estado español e a Galiza teñen un grave problema demográfico. Por un lado, a taxa de fecundidade reduciuse e por outro, hai unha maior porcentaxe de nais en excedencia por coidado de crianzas. Ademais interrompen a súa vida laboral durante moito máis tempo que os homes. Por este motivo os anos cotizados tamén resultan inferiores para as mulleres. 

En resumo, parece claro que as mulleres non obteñen os mesmos resultados que os homes no mercado laboral. Esta realidade ten un claro reflexo no sistema público de pensións.

Cre que de terse en consideración esta proposta debería ter carácter retroactivo?

Podería aplicarse tanto para os novos casos como para os anteriores, mais o custo sería diferente. Todo dependerá da capacidade económica para poder garantir esa medida. Tamén é interesante abordar outras posíbeis liñas de actuación. Pódese seguir con medidas que vaian ao redor do que se coñece como "cotización demográfica", mais recoñecendo o esforzo realizado polas mulleres no nacemento e coidado de fillos. É vital adaptar a xornada de traballo para facilitar a conciliación e a corresponsabilidade, algo que parece que aínda non se abordou.

O Goberno español podería asumir as cotizacións

O estudo realizado na UVigo asegura que sería viábel para o Goberno español asumir as cotizacións deste colectivo. O custo anual da medida que propoñen sería de 1.164 e 295 millóns de euros, para mulleres e homes, respectivamente. Así, as achegas que habería que realizar con cargo aos Orzamentos do Estado con destino ás arcas da Seguridade Social serían de 1.689 millóns -para mulleres- e 428,2 millóns -para homes-. "Ao ser nos orzamentos, mais un ingreso nas contas da Seguridade Social, o efecto sería nulo", afirma Vaquero.