Alberto Rivero, experto en fauna e flora galegas: "O monte vese como algo de pobres. De aí que se planten eucaliptos e non carballos"

Alberto Rivero, experto en flora e fauna galegas (AR)

Da transmisión oral ás redes sociais. Alberto Rivero Saeta xestiona a páxina de Facebook 'Fauna e flora salvaxe de Galicia' que conta con máis de 8.000 seguidoras e seguidores. É un dos expertos aos que chaman os medios de comunicación para confirmar as especies que aparecen cada tanto. Recoñece que non colle o teléfono a todo o mundo pola "mala prensa" que se dá a algunhas especies. O seu amor pola natureza chegoulle de pequeno, coa sorte de ser un neno de aldea, e agora trata de transmitir ese saber ás novas xeracións que son o futuro.    

Lembra como foi o seu primeiro contacto cos animais?

Desde moi pequeno. Con seis anos merquei a miña primeira guía Everest co diñeiro que me daba miña avoa. Aprendín daquela os nomes científicos dos paxaros. Quizais por nacer en Vilar de Santos, na Limia, tiña un contacto moi directo coa natureza. Andaba con xente maior ca min e dúas das persoas que máis me influíron foron Paco e Mercedes, que me levaban ao monte coas vacas e comentábanme os nomes dos animais. Desde que teño uso de memoria gústanme os bichos. Sempre fun autodidacta.

Como se debería divulgar para que non se perda?

Na Galiza a nosa cultura transmítese toda de maneira oral. Hoxe en día esta transmisión oral é a través das redes sociais, polo tanto pode ser unha ferramenta fantástica mais non pode ser a única. A Administración debería ter unha aposta clara polo medio ambiente que non existe. Moitas veces no grupo de Facebook, onde hai xente da Galiza, de Asturies, de Portugal e do Bierzo, fálase dos nomes dos animais e vese a gran variedade que temos.

Unha das cousas que perderemos sen remedio son os nomes vernáculos de animais e plantas por faltar a transmisión oral. Falta xente nas aldeas que poida transmitilos. Creo que non hai a comunicación interxeracional que había antes. Antes saías da escola e acompañabas a familia no traballo ou na casa e escoitabas. Agora non.

Que alternativas pode haber para que se transmita ese saber?

Meter a educación ambiental na formación regrada nas escolas, competencias que ten a Xunta. Hoxe se existe educación ambiental na Galiza é polo voluntariado de moita xente, moi poucas veces remunerada. Pensa que non hai nin guías nos parques naturais da Galiza, a segunda figura de protección máis importante despois do parque nacional. E estes teñen guías que miran máis pola parte turística que pola parte natural, seguindo as premisas da propia Administración.

Igual habería que obrigar as empresas que fagan unhas medidas compensatorias polo desastre ambiental que producen

Se non hai ese interese é moi difícil que chegue á sociedade. Se é unha cuestión económica, igual habería que obrigar as empresas que fagan unhas medidas compensatorias polo desastre ambiental que producen. Non me vale que lle paguen a un concello por ter alí un encoro, váleme que estea a financiar un proxecto que reduza o dano ambiental que fai. Tamén está a responsabilidade individual de cada un. Eu involucreime na educación ambiental para os máis cativos porque son os que mellor absorben os coñecementos. 

Cales son os perigos máis grandes que ten o noso medioambiente? 

Para min a expansión do eucalipto é un problema e está moi relacionado coa proliferación de incendios e, ao mesmo tempo, coa falta de educación ambiental. O monte vese como algo de pobres, que está aí para dar unha produción que ten que ser a curto prazo. De aí que se planten eucaliptos e non carballos. Para ter diñeiro para contratar a orquestra que veña á festa. Hai toda unha rede clientelar de caciquismo na Galiza que tamén hai que solucionar.

Hai intereses no despoboamento do rural para que quede en mans de catro caciques

Hai intereses no despoboamento do rural para que quede en mans de catro caciques. E ademais temos case todo o territorio en mans de xente con escopeta. Non pode ser que se promocionen as grandes matanzas de raposos. Galiza é algo máis. Non nos dá unha fama moi boa fóra. Os estudos medioambientais non reflicten para nada unha sobrexploración nin de raposos nin doutros animais.