Alberto Gallego: “Traballamos con pequenos proxectos galegos para a reforestación con especies autóctonas”

Ademais de fundador, Alberto Gallego é o director de Ruteart. (Foto: Nós Diario)
Alberto Gallego é o fundador da axencia de viaxes Ruteart, unha compañía turística en liña que aposta por un modelo turístico para o noso país diferente e respectuoso coa natureza. A súa oferta de viaxes móvese desde roteiros descoñecidos polas paraxes naturais galegas até viaxes internacionais a lugares como México, Perú, Grecia ou Mauritania. Ademais, a axencia de viaxes tamén conta cun forte compromiso co monte que galego, ao que apoia con proxectos de reforestación con especies autóctonas.

-Que define a Ruteart como compañía de viaxes?

Ruteart é unha plataforma web onde a xente pode atopar as mellores experiencias alternativas do mercado. Ofrecemos rutas diferentes e únicas, que provoquen un investimento real e diferente no lugar de destino, cun forte compoñente responsábel e sostíbel. Non somos a típica axencia de viaxes, tal e como se entenden. O propio feito de estar en liña e ofertar un turismo alternativo é significativo. Deseñamos viaxes de autoría, é dicir, viaxes a man, de xeito artesanal, e dentro do turismo slow ou máis tranquilo. O obxectivo é que a xente desfrute o máximo posíbel da experiencia e non teña que andar a correr baixo uns parámetros moi marcados. Traballamos con grupos moi pequenos, o que axuda a que as persoas se coñezan entre elas, e viaxamos a lugares que quizais non son tan coñecidos, pero que non por iso deixan de ser espectaculares.

Por exemplo, agora temos un roteiro por Trevinca, que é un lugar moi fermoso pero moi descoñecido mesmo na Galiza. Trevinca ten un dos mellores ceos para poder ver as estrelas. Os  grupos sempre van acompañados dunha persoa experta que facilita coñecer en profundidade os lugares visitados, e non só o máis típico. 

-As viaxes que organizan céntranse na Galiza ou traballan con outros territorios internacionais?

Até o de agora, entre que levamos moi pouco tempo no mercado e o estalido da pandemia de coronavirus, estamos máis centrados no territorio da Galiza, e imos seguir por ese camiño, porque nos parece moi interesante redescubrir a nosa terra. Aínda así, temos pensadas varias viaxes no Estado español e noutros países. Por exemplo, temos xa dúas viaxes programadas para o México e o Perú, e probabelmente imos comezar a traballar con máis xente. Mesmo influencers recoñecidos na Galiza. A idea é ofertar viaxes a Grecia, a Chile, a Xordania, a Mauritania... estas xa son viaxes máis especiais.

-Que acollida ten este modelo de axencia de viaxes e de oferta turística alternativa entre a xente?

Moi boa, a verdade. A xente está a chegar a nós dicindo que compartimos o tipo de viaxes que a eles lles gustan, que están un pouco cansados do de sempre... Sobre todo, que lles encanta que sexa un turismo que aposte polo compoñente sostíbel. Iso é algo importante, porque nós compensamos a pegada de carbono que producimos. Traballamos con pequenos proxectos na Galiza para a reforestación do monte con especies autóctonas do país. Ademais, tamén estamos inmersos nun proxecto no Perú para a reforestación da selva amazónica. Temos varias clientas que despois de volver da primeira viaxe connosco axiña se apuntaban a novas experiencias.

-Son moitas as voces que reclaman un cambio no turismo que se oferta desde a Galiza. Comparte vostede a impresión de que outro modelo turístico é aplicábel para a nosa terra?  

Penso que si. Como dicía antes, temos moito por descubrir aquí na Galiza. Penso que o turismo galego está moi centrado nos mesmos lugares e destinos de sempre, e o noso obxectivo é traballar neses outros destinos non tan coñecidos pero igualmente fermosos. Queremos que toda a xente poida desfrutar dun estilo de turismo diferente e que os propios habitantes dos destinos turísticos teñan un beneficio real e perdurábel no tempo. Iso conséguese mantendo e respectando as tradicións e culturas de cada zona. É fundamental tanto para o turismo da Galiza como para o sector turístico en xeral. Todas deberíamos afondar neste tipo de turismo.