Preocupación entre o persoal de Nova Pescanova por un positivo en coronavirus

Instalacións de Nova Pescanova en Chapela (Redondela)
Instalacións de Pescanova. (Foto: Nós Diario)

Na entrada da quenda da tarde de traballadoras e traballadores de Nova Pescadora vivíronse momentos de preocupación e tensión ante a información que apuntaba a un caso positivo por coronavirus na fábrica que esta empresa ten en Chapela (Redondela).

A través da familia dun membro do cadro de persoal, Nós Diario puido saber que até a semana pasada as empregadas e empregados non dispuxeron de máscara protectora para traballar nas instalacións. Por teléfono "díxome que nun principio os informaron de que non podían entrar, que houbera un positivo, e de súpeto déronlles máscaras e obrigáronos" a facelo.

"Díxenlle: negádevos a entrar e chamade a Sanidade ou a Xunta", engade esta persoa, que sinala que no exterior das instalacións de Nova Pescanova lembróuselles ás traballadoras e traballadores a necesidade de manter a distancia de seguridade entre persoas, para evitar contaxios. "Segundo comenta, tropezan uns cos outros, non hai distancia suficiente", informa.

En conversa con este medio, a Policía Local de Redondela confirmou que recibira unha chamada alertando do positivo por coronavirus en Nova Pescanova. Fontes policiais lembran que nestas instalacións ten lugar unha actividade esencial -relacionada coa alimentación- e que están contrastando a información transmitida por teléfono.

Nova Pescanova confirma o positivo

Preguntada por Nós Diario, Nova Pescanova informa de que un dos empregados do centro de Chapela "comunicou no día de hoxe, venres 10 de abril de 2020, que foi confirmado como positivo" da COVID-19. A sintomatoloxía, apunta, "é leve e permanece illado no seu domicilio". "O último día que este traballador acudiu ao Centro Industrial Chapela foi o pasado sábado, día 4 de abril, en queda de noite".

A empresa afirma que está a actuar "baixo os protocolos estabelecidos polo Ministerio de Sanidade e a OMS". "Nada máis coñecer a noticia, realizamos hoxe unha investigación interna para procedermos ao illamento de todos os traballadores que estiveron en contacto próximo co afectado", agrega.

Nova Pescanova asegura que en todas as quendas de traballo desinfectan "todos os postos, así como as zonas comúns". "Adicionalmente, unha vez por semana, procédese á limpeza e desinfección completa de todas as liñas e a unha nebulización de todas as zonas comúns", sinala. A última delas foi o domingo, 5 de abril.

Entre outras medidas, a empresa, que salienta que os traballadores son a súa prioridade, pon de manifesto que instalou mamparas entre postos de traballo, forneceu o persoal de luvas e máscaras e puxo á súa disposición xel hidroalcólico. Ademais, limitou o número de persoas en áreas de descanso. Así mesmo, restrinxiu as viaxes de traballo e prohibiu as visitas externas desde que se coñeceron os primeiros casos da COVID-19 no Estado español.