Análise

Airbnbarrios

O crecemento do mercado do alugueiro temporal transforma vivendas de certos barrios en obxecto de disputa entre residentes e visitantes. (Ilustración: Álex Rozados)
O arquitecto urbanista Iago Lestegás Tizón prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.

Dende que Ruth Glass cuñou o termo gentrification en 1964 para describir a expulsión de familias obreiras de Notting Hill e outros barrios de Londres, o fenómeno tense replicado por todo o mundo baixo múltiples formas. Na súa definición clásica, a xentrificación é o desprazamento dos moradores pobres de barrios céntricos por novos residentes de clase media que regresan á cidade aburridos da monotonía suburbana. Tras décadas habitando edificios estragados e lugares estigmatizados, os veciños de centros históricos e barrios populares son expulsados xusto cando estes comezan a recibir atención e investimento.

Moitas persoas perciben a xentrificación como un proceso positivo que favorece a rehabilitación dos edificios, a mellora dos espazos públicos, a apertura de novos negocios e o incremento da seguridade, coa conseguinte revalorización dos inmobles. Algunhas interpretacións sosteñen que este fenómeno produce transformacións das que se benefician tamén os fogares que conseguen ficar no barrio. En calquera caso, o prezo adoita ser demasiado alto; as rúas póñense cada vez máis bonitas, os comercios máis exclusivos e os alugueiros máis desorbitados. A apertura de novos negocios adoita ir acompañada pola desaparición de establecementos tradicionais máis adaptados ás necesidades da poboación local e as propiedades rehabilitadas teñen prezos ou rendas inaccesibles para a maior parte dos que vivían no barrio cando aínda non estaba na moda.

A xentrificación é un fenómeno global con múltiples manifestacións locais. Mentres a súa versión clásica consiste na substitución duns residentes por outros con máis recursos económicos, na nova modalidade derivada do turismo urbano masivo —a turistificación— o perfil dos desprazados é máis heteroxéneo e quen ocupan o seu lugar son visitantes que só dormen un par de noites no barrio. A xentrificación substitúe poboacións; a turistificación elimínaas. O permanente tórnase temporal, o residencial tórnase turístico.

O avance descontrolado do uso turístico sobre o parque residencial reduce a oferta de aloxamento permanente, alimentando a escalada de prezos e rendas

O crecemento do mercado do alugueiro temporal, facilitado pola aparición e popularización de plataformas dixitais como Airbnb, transforma as vivendas de certos barrios en obxecto de disputa entre residentes e visitantes. É unha batalla desigual. A preferencia dos turistas por apartamentos pequenos agrava o conflito, pois as vivendas de un ou dous dormitorios son tamén cada vez máis demandadas no mercado residencial por mor do tamaño minguante dos fogares. O avance descontrolado do uso turístico sobre o parque residencial reduce a oferta de aloxamento permanente, alimentando a escalada de prezos e rendas. Polo camiño vai quedando a veciñanza, que en ocasións sofre todo tipo de presións para se botar a un lado.

"Vive como un local", di a propaganda, pero nos barrios máis visitados quedan poucos locais e a autenticidade prometida é cada día máis cuestionable. Os turistas hospédanse un par de noites nas casas que os creadores do imaxinario colectivo que os atraeu a ese lugar tiveron que abandonar ante a hotelización do parque residencial. En moitos barrios históricos, os sons da vida cotiá foron substituídos polo ruído de ringleiras de maletas rodando sobre os empedrados. Curiosamente, como destaca David Harvey, o interese do turista urbano posmoderno polo auténtico provoca a mercantilización de numerosos elementos da cultura e identidade locais e, xa que logo, a súa simplificación, banalización e homoxeneización.

Aínda que Airbnb se presente como exemplo de economía colaborativa, unha análise de 432 cidades europeas publicada en 2018 por Czesław Adamiak demostra un predominio claro dos apartamentos dedicados íntegra e permanentemente ao aloxamento temporal dentro da súa oferta nos grandes destinos turísticos. En Santiago de Compostela, por exemplo, o 81% dos anuncios activos nesa plataforma corresponden a vivendas enteiras e o 62% están dispoñibles durante máis de tres meses ao ano. Ademais, a distribución espacial deste negocio é moi desigual dentro de cada cidade; a oferta concéntrase nos barrios máis visitados ou na súa contorna inmediata e os ingresos medios que produce son moito maiores nesas zonas que noutras menos demandadas polos turistas.

En todo caso, os efectos da turistificación non se limitan ao eido da vivenda. Os veciños que residen en inmobles da súa propiedade poden sufrir tamén a ruptura de redes e lazos sociais, a desaparición do comercio de proximidade, a saturación do espazo público, o barullo a todas horas e mais a perda de identidade dos seus barrios. En Amsterdam, un estudo publicado en 2017 por Fenne Pinkster e Willem Boterman mostra que os habitantes acomodados das casas burguesas que bordean as canles do século XVII sofren tamén as consecuencias da transformación do seu barrio nun obxecto de consumo. Ao final, quen quere vivir nun parque temático?