Radon: O 'veleno' que se respira a diario en 30 comarcas

6 de febreiro de 2018 era a data tope para que o Estado español traspuxese ao seu ordenamento a Directiva da UE de protección contra o radon. Catro anos despois, a norma segue sen se traspór. O radon está en 70% da Galiza e, entre outras consecuencias,  está detrás de 7% das mortes que se producen por mor do cancro de pulmón.

 

 

O radon é un gas natural radioactivo presente no subsolo de amplas zonas da Galiza. Na súa maior parte os solos no territorio galego son graníticos e o granito contén numerosos poros, o que provoca que o gas aflore á superficie e se instale nas vivendas. É responsábel, por exemplo e segundo desvelou un estudo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Laboratorio de Radon da Galiza, de 7% das mortes que se producen no país por mor do cancro de pulmón. Porcentaxe que no conxunto do Estado mingua a 4%.

"É un tema sangrante, non se entende que esa directiva  europea (59/2013/Euratom) siga sen se aplicar", indica Xosé Dios, médico de familia en Outes, onde lugares como Cruceiro de Roo teñen altos niveis de radon. "Puxemos dispositivos de medición  en 100 casas, 50 onde sospeitabamos que podía haber este gas e outras 50 de control. Deu niveis altos en todas. Mesmo no centro de saúde!", sinala a Nós Diario

A directiva europea fixa o nivel máximo en 300  becquerelios (Bq) por metro cúbico —un becquerelio corresponde á desintegración dun núcleo atómico por segundo—. En Cruceiro de Roo houbo casas onde se rexistraron até 1.400 Bq, e no centro médico, 430. "En cada casa hai un caso de cancro", manifesta o facultativo, que critica que "non se estea a facer nada". "Non se pode permitir", exclama, "que a xente respire veleno todo o día".

4.400 medicións

O último mapa da USC indica que dous de cada tres  concellos galegos están expostos a niveis moi altos de gas radon, confirmando que o país é o territorio máis afectado do Estado. Aínda que a directiva europea fixa o nivel máximo en 300  Bq/m3,  os investigadores da USC traballaron cunha medición de até 200  Bq e, seguindo ese límite, das 53 comarcas galegas, 30 presentan un risco alto de concentración.

Alberto Ruano é profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública e integrante do Laboratorio de Radon da Galiza. Pon en valor o traballo feito aquí sobre este gas, "estamos a anos luz do que se fai no Estado". Este experto sinala a Nós Diario que "con moita menos poboación que o resto do territorio estatal, temos realizadas na Galiza unhas 4.300 medicións de radon en inmóbeis fronte a 12.000 en todo o Estado”.

Lamenta que "con todo este coñecemento acumulado en 30 anos de traballo non haxa un maior achegamento por parte da Administración" para traballar sobre este tema.

Aponta a respecto do radon que "sabemos como se mide e sabemos como se reduce, o que é relativamente sinxelo", polo que non sería "complicado" dar solución a unha situación que afecta centos de miles de galegos e galegas e que se concreta en doenzas coma o cancro.

"É urxente facer algo"

O responsábel de 'Vive Sen Radon', José Miguel Rodríguez, afirma que "é urxente facer algo ao respecto, é un problema de saúde pública que pode ter consecuencias graves". O Código Técnico da Edificación (CTE) incluíu requisitos e esixencias de seguridade a respecto do radon nos edificios a finais de 2019, mais a Unión Europea levaba recomendándoo desde 1990. O novo CTE non entrou en vigor até 23 de setembro de 2020.

Onde si que non hai avance, incide Ruano, é na problemática a nivel laboral, para as persoas que traballan en sitios con altos niveis deste gas. "Os traballadores non pode estar expostos a carcinóxenos na súa xornada laboral. Noutros Estados europeos si que se avanzou", lamenta.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda unha concentración de radon residencial inferior a 100 Bq/ m3. "Se veñen aquí [por Galiza], asustaríanse", recoñece un médico compostelán.