Remei Sipi, escritora, editora e activista feminista

“Aínda non temos interiorizado que o mundo é diverso”

[Imaxe: S.R.] Remei Sipi

Remei Sipi (Rebola, Guinea Ecuatorial, 1952) é unha africana da diáspora. Emigrou a Catalunya en 1968, ano en que Guinea Ecuatorial deixou de ser colonia española. As súas orixes están na illa de Bioko, onde teñen unha palabra para alentar a estima das mulleres. Waiso, en bubi, quere dicir ‘muller érguete, espílete, dignifícate’, un adaxio que lle valeu para traballar desde o activismo cultural e de xénero. Acaba de estar na Galiza para debater sobre feminismo, migración e a experiencia das mulleres africanas. Eis un extracto da conversa publicada no número 325 de Sermos Galiza.

Cal é a situación das mulleres en África?

 

Seguen sendo as grandes creadoras de estratexias para a supervivencia. Obviamente a súa situación ten moito que ver coa do continente, onde o patriarcado campa libremente. Pero ao seren estrategas da resistencia, loitan día a día. Son mulleres activas que non se dobregan ante as dificultades. Hoxe temos premios Nobel da paz; temos a Ruanda, o único país do mundo cunha representación feminina maioritaria no parlamento; a Nixeria, Ghana, Uganda e Botsuana, entre os cinco países do mundo con máis mulleres emprendedoras...

 

Estes avances no espazo público, teñen a súa réplica na esfera privada?

 

As mulleres africanas sempre desempeñaron un papel esencial tanto na loita polos dereitos de xénero como polos dereitos colectivos. Tamén no ámbito privado. Nas súas mans está a economía popular do tontine, que non pasa polas institucións oficiais nin polos bancos. É un sistema de aforro rotativo e solidario que funciona en toda a África negra e que lideran as mulleres. Unha forma de relación que lles dá moito poder, ademais de achegarlles solucións a elas e ás súas familias. Aínda que non se visibilicen, a loita e os logros das mulleres africanas están aí.

 

Vostede sempre se laia da visión tan simple que temos en Occidente de África e, nomeadamente, das mulleres africanas.

 

É a visión que se ten, en xeral, porque hai un gran descoñecemento sobre o continente. As africanas non somos esas pobres mulleres, parideiras, con oito fillos, á espera de sermos salvadas. Somos mulleres potentes que vivimos circunstancias moi controvertidas, e que malia a todo, seguimos loitando.

 

Mentres, aquí, seguimos vivindo de costas.

 

Porque non hai interese nin curiosidade. Non nos ven. O natural para a xente do norte é a amnesia, evitar calquera relación co outro. Pensan que só queremos recibir, non que tamén podemos aportar. Ese intercambio, de momento, non se normalizou.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 325 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]