Educación

Anpas Galegas denuncia que se "roube" unha semana de curso

Unha crianza nun pupitre dunha aula galega. (Foto: Europa Press)
Docentes da concertada exixe melloras laborais.

A Federación Anpas Galegas criticou hoxe que a Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades queira "roubarlle unha semana de curso" ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria coa súa proposta de calendario escolar para o 2023/24.

En concreto, a Xunta remitiu aos sindicatos a finais de marzo unha proposta pola que as clases arrancarían para todas as etapas o día 8 de setembro e finalizarían o 20 de xuño, excepto 2º de Bacharelato que depende das datas de Selectividade.

Sobre esta proposta de orde, que se abordará nos próximos días na Mesa Sectorial cos sindicatos, Anpas Galegas lamentou que, mentres o calendario do curso actual se corrixira para facer coincidir obrigatoriamente a terceira avaliación parcial da ESO coa final, para o próximo ano, en cambio, estabelécese que "poida coincidir", segundo o decida o centro.

"Parece o mesmo, pero non o é, porque esta terceira avaliación adiántase ao 13 de xuño, mentres que a última se realizará necesariamente a partir do 21 de xuño", sinalaron. En todo caso, a proposta de calendario escolar recolle que todo o alumnado ten "o dereito e a obriga" de asistir ás clases até o 20 de xuño incluído.

Protesta na concertada

Os sindicatos CIG, CCOO e UXT convocaron hoxe unha concentración de docentes de centros concertados para o 25 de abril ante a Consellaría de Cultura, Educación e Formación Profesional e Universidades, en Compostela, para exixirlle que se sente a negociar un acordo de mantemento de emprego "eficaz". Os sindicatos chamaron a participar nesta protesta para recordarlle "unha vez máis" á Xunta as propostas que "mellorarían os dereitos laborais" das persoas traballadoras.

Os sindicatos destacaron a necesidade do acordo alcanzado nunha reunión tripartita en decembro de 2022 e sinalaron asuntos como a redución das ratios entre profesorado e alumnado por clase, a reposición da xubilación parcial, e a rebaixa da xornada lectiva.