Día Mundial da Tolerancia Cero á Mutilación Xenital Feminina

Cando se mutila para evitar o pracer sexual

O Día Mundial da Tolerancia Cero á Mutilación Xenital Feminina celébrase anualmente o 6 de febreiro para denunciar os efectos da extirpación total ou parcial do tecido dos órganos xenitais femininos, así como outras lesións, por motivos non médicos. Esta práctica está considerada pola ONU como unha violación dos dereitos das mulleres e das nenas.

Segundo a Organización Mundial da Saúde cada ano, aproximadamente 3,3 millóns de nenas corren o risco de seren vítimas da mutilación xenital feminina. Ademais, a Comisión Europea estima que máis de 500.000 mulleres foron sometidas a esta práctica en Europa e máis de 200 millóns en todo o mundo.

 

O Fondo de Poboación de Nacións Unidas clasifica a mutilación xenital feminina en catro tipos principais: clitoridectomía -resección total ou parcial do clítoris-, excisión -resección parcial ou total dos labios menores e o clítoris, incluíndo ou non os labios maiores-, infibulación -estreitamento da abertura vaxinal para crear un selo mediante o corte e a recolocación dos labios menores ou maiores- e outros tipos de procedementos lesivos dos xenitais con fins non médicos -perforación, incisión, raspado ou cauterización-.

 

Cada ano 3,3 millóns de nenas corren o risco de seren vítimas da mutilación xenital feminina

 

Este tipo de prácticas, afirman as Nacións Unidas, segundo extraccións de enquisas demográficas, son practicadas con bastante asiduidade por persoal sanitario. Por exemplo, no caso de Nixeria o 29% das mutilacións xenitais realízaas persoal sanitario, pero no caso de Exipto a porcentaxe aumenta até o 77%.

 

Realízase esta mutilación pola crenza de que diminúe o desexo sexual na muller

 

Ademais, desde o UNFPA explican que é unha práctica que, por descoñecemento, é asociada a unha suposta esixencia relixiosa, mais ningunha relixión fomenta a mutilación xenital feminina e, aínda que as orixes desta non son claras, realízase desde antes de existir o cristianismo, o xudaísmo ou o islam. É unha práctica que ten máis que ver coas desigualdades de xénero.

 

Habitualmente, realízase esta mutilación pola crenza de que diminúe o desexo sexual na muller e fomenta que manteña a súa virxindade antes do matrimonio e fidelidade despois deste. Tamén significa a iniciación das nenas na idade adulta. Por outra banda, algunhas comunidades consideran os xenitais femininos como pouco limpos ou antiestéticos.

 

Non obstante, a OMS estima que, en todo o mundo, entre 100 e 140 millóns de nenas e mulleres viven coas consecuencias desta práctica. As complicacións inmediatas da mutilación xenital feminina poden incluír unha dor intensa, hemorraxias, inflamación dos tecidos xenitais, febre, problemas urinarios e morte. A longo prazo, as consecuencias pasan por infeccións urinarias, problemas menstruais e sexuais, maior risco de complicacións no parto e de mortalidade neonatal e trastornos psicolóxicos coma depresións, ansiedade e trastorno de estrés postraumático.

 

O 77% das mutilacións xenitais femininas en Exipto son realizadas por persoal sanitario

 

Para contribuír á erradicación desta práctica, en 2008, o UNFPA e UNICEF, entre outras axencias especializadas da ONU, estabeleceron o programa conxunto sobre a mutilación xenital feminina, a maior iniciativa mundial para acelerar a súa eliminación e paliar as súas consecuencias.

 

Na actualidade, aínda que é unha práctica que pode darse en comunidades de todo o mundo, o UNFPA afirma que ten lugar con maior frecuencia no continente africano, en determinadas comunidades da India ou en países de Oriente Medio como os Emiratos Árabes, Iemen, Palestina, Iraq e Israel. Tamén pode atoparse en comunidades do Ecuador, O Perú ou Colombia ou en países europeos entre poboación procedente de zonas onde a práctica é común.

 

A pesar das graves cifras dos casos de mutilación xenital feminina, esta cifra foi en descenso desde os últimos 50 anos, especialmente nas últimas tres décadas. Segundo UNICEF, en 1980, era unha práctica que afectaba o 52% das mulleres en todo o mundo, mentres que en 2010, a porcentaxe aproximada de vítimas desta práctica foi de 35%.