O aínda franquista Pazo de Meirás discrimina a unha persoa en cadeira de rodas

CRMH no Pazo de Meirás

A propiedade que requisou a ditadura en Sada segue en mans da familia Franco, que presume dela nas revistas do corazón, pero á vez négalle a entrada a un home con mobilidade reducida.

“Foi denigrante. O guía dixo que era mellor que eu non entrase e quedei fóra, o único dos visitantes ao que non deixaron acceder”. Con estas doídas palabras explicouse, no xornal La Opinión de A Coruña, Ángel Miramontes, bergondés de 39 anos que por unha enfermidade de nacemento debe usar unha cadeira de rodas para moverse, razón esta pola que foi discriminado e non puido visitar o sadense Pazo de Meirás, propiedade -desde que a requisou mediante salvaxes métodos- da familia Franco.

"Creo que tiñan medo de que raiase o parqué", asegura Ángel Miramonte, o afectado

Poucos días despois de que Carmen Martínez-Bordiu, descendente do ditador, presumise desta posesión na revista Hola, un episodio negro como o de impedirlle a entrada ás visitas que por obriga legal debe permitir o edificio histórico a unha persoa de mobilidade limitada volve alimentar o debate sobre a devolución ao patrimonio público de Meirás, vella reivindicación que agora se xunta coa dos dereitos das persoas, sexa cal sexa a súa situación física.

Foi o guía quen lle dixo que non entrase, segundo a versión do afectado, posibelmente “para que non raiase o parqué e dicindo que non ía poder pasar do piso baixo”. Ficou impactado e humillado e  esperou sen entrar. Ao comunicarllo ao resto d@s visitantes, cando saíron, estes protestaron e mesmo lamentaron non ter sabido antes o ocorrido para negarse a entrar, nunha situación que agora ao coñecerse aviva a polémica que rodea ao Pazo de Meirás.