Sanidade pública

VÍDEO | O testemuño de Aida, paciente de cancro con demoras de máis de tres meses: "A detección precoz é fundamental"

Aida, paciente de cancro no Hospital Clínico de Santiago. (Foto: Asociación de Pacientes do CHUS)
Malia presentar até tres reclamacións, que desde o Clínico ven "inxustificadas", Aida suma xa máis de tres meses coa cita de revisión do seu cancro pendente.

O pasado 23 de marzo Nós Diario recollía os testemuños de Rosana, Belén, María e Esther, catro de moitas doentes de cancro do Hospital Clínico de Santiago que, denunciaban nun vídeo difundido pola Asociación de Pacientes do CHUS, teñen suspendidas as consultas de control, seguimento e avaliación das súas doenzas, con demoras de varios meses nas citas. Unha cuestión da que a entidade vén alertando de forma reiterada nas últimas semanas e que esta cuarta feira engade a experiencia de Aida, outra paciente con notábeis demoras na atención sanitaria.

"Tras sufrir un cancro o ano pasado, en decembro debería ter a primeira revisión. Pero a día de hoxe, e tras tres reclamacións, non só non se me cita no servizo de Oncoloxía, senón que tamén se me contesta que a miña consulta é demorábel e que non existen datos clínicos que xustifiquen a miña reclamación", denuncia Aida, a través dun vídeo.

A paciente non comprende como unha revisión nunha enfermidade na que "a detección precoz é fundamental" pode demorarse máis de tres meses, "incumprindo así os protocolos e o consenso científico en materia de seguimento e control de doentes de cancro", censura.

Desde a Asociación de Pacientes fan fincapé en que esta decisión da Xerencia, "que só foi adoptada pola área sanitaria de Compostela-Barbanza, constitúe unha vulneración dos protocolos e consensos científicos sobre a materia, supón unha redución ilegal da carteira básica de servizos común a todas ás comunidades autónomas e a violación do dereito a información".

O colectivo exixe o "restabelecemento da legalidade e do Estado de dereito" para as persoas con cancro en fase de control, seguimento e avaliación e a aplicación inmediata, "por riba de calquera consideración administrativa, dos protocolos baseados en criterios clínicos".