Agriden unha viguesa pola súa oposición a Porto Cabral

Porto Cabral ocupará 300 mil m2 de monte comunal e incluirá unha lagoa artificial navegábel

A moza de 35 anos foi empurrada e retida por dúas persoas que recollían sinaturas para a iniciativa lexislativa popular que pretende legalizar a instalación dun macrocentro comercial en monte comunal

Irene é unha viguesa de 35 anos que denunciou, a través das redes sociais, ter sido obxecto dunha agresión por parte de dúas persoas que estaban a recoller sinaturas para a ILP que quere legalizar a instalación do macrocentro comercial Porto Cabral, ocupando 300 mil metros cadrados de monte en man común. 

 

O suceso tivo lugar o pasado 31 de outubro, nas inmediacións da Praza da Independencia. Alí, contra as dúas da tarde, segundo relatou a afectada, viu que dous homes estaban a pedir a sinatura dun veciño a favor de Porto Cabral. Irene achegouse onda eles e limitouse a indicarlle ao veciño que se informase ben antes de asinar xa que “querían vender o monte por catro perras”. Após escoitala decidiu finalmente non asinar. “Cando comezo a marchar o home que lle quixera recoller a sinatura comezou a berrarme que non me metera co seu traballo, que iso non ía quedar así”, relata. Acto seguido, o agresor agarrouna polo pulso con forza até o punto de esmagar a bolsa da compra que portaba. Ela reaccionou defendendo o seu dereito a opinar e pedíndolle que a soltase a a deixase marchar. Non fixo tal. Ao contrario, o agresor indicoulle ao seu compañeiro que chamase á policía entrementres insistía en ton intimidatorio nas súas ameazas contra a moza. “Repetíame que xa vería eu, que non ía volver repetir o que fixera”. 

 

Os agresores impedíronlle pola forza acceder ao seu domicilio

En canto logrou zafarse do agresor, Irene botou andar cara ao seu domicilio.  O seu portal está a escasos metros do lugar dos feitos. O agresor empezou nese momento a empurrala advertíndolle de que non ía marchar de alí, ao tempo que o compañeiro presuntamente seguía a realizar unha chamada á policía. Entre empurróns logrou chegar ao portal e nese momento, segundo denuncia, “os dous homes interpuxéronse entre eu e a porta, impedíndome entrar na miña propia casa”. A situación mantívose así varios minutos durante os que foi retida, producindo un evidente nerviosismo na agredida. “Eran dous homes, o que me agarrou e empurrou bastante corpulento, e non podía facer nada máis que dicirlles que me deixaran pasar á miña casa”. A agresión foi interrompida pola presenza dunha unidade policial con dous axentes, que estaban facendo un percorrido pola zona e que lle confirmaron a  Irene non teren sido chamados por ninguén. 

 

Sermos Galiza recibiu o testemuño de varias persoas que aseguran ter sido tamén obxecto dun trato violento ou vexatorio por se negaren a asinar a prol de Porto Cabral

Os axentes elevaron un parte policial do acontecido. Nel recolleron tamén a disposición dunha veciña que foi testemuña a declarar en contra dos agresores. En conversa con Sermos Galiza, Irene confirma que está a estudar posíbeis accións legais. “O parte policial está elaborado e vou informarme das opcións que teño”, asegura. A agredida considera que na actitude violenta e “moi intimidatoria” dos seus agresores incidiu o feito de “ser muller e máis nova ca eles”. “Víronse con superioridade física sobre min”. Aliás, asegura que nos últimos días ten recibido un importante número de mensaxes de apoio e tamén doutras denuncias de actitudes “hostís” por parte da campaña de Porto Cabral contra quen non accede a asinar a ILP. 

 

Para alén deste caso de agresión, Sermos Galiza recibiu testemuños de varias persoas, todas elas mulleres, que aseguraban ter sido obxecto de insultos --"egoista" ou "estúpida"-- e un trato vexatorio e intimidatorio por se negaren a asinar.

 

Campaña polémica

A campaña de recollida de sinaturas da iniciativa lexislativa popular que procura a declaración de proxecto de interese supramunicipal para Porto Cabral, atinxiu estes días, segundo os seus promotores, os 60 mil apoios. A iniciativa busca legalizar a instalación dun macrocentro comercial e de lecer no polígono de Liñeiriños, na viguesa parroquia de  Cabral, que suporía a destrución de 300 mil metros cadrados de monte comunal. A anulación do PXOM de Vigo de 2008 frustrou esa posibilidade, polo que tanto o fondo de investimentos que promove --Intu Eurofunds-- como entidades sociais que son favorábeis ao proxecto tentan que o Goberno galego busque unha fórmula que sortee o bloqueo legal. 

 

A anulación do PXOM deixa sen opcións legais a instalación de Porto Cabral

Esa campaña, que conta co apoio de varios colectivos e entidades está capitaneada pola Xunta Reitora da Comunidade de Montes de Cabral, que é a titular de parte deses terreos. Faino malia que a maioría dos e das comuneiras xa expresaron en asemblea a súa oposición ao proxecto, e a sabendas de que o monte comunal non é privatizábel e só pode ser obxecto de expropiación pública por un xustificado “interese xeral”. Durante os últimos meses instaláronse mesas de recollida de sinaturas en numerosos puntos da cidade, coa promesa de crear 4 mil postos de traballo e un importante despregamento de medios, sen que se coñeza nin quen financia a campaña nin as condicións laborais das persoas que están a recoller as sinaturas.