Agresión machista

Deteñen o presunto agresor dunha muller en Carballo que se atopa en estado crítico

Lugar no que foi atopada a muller agredida. (Foto: CRTVG)
A Garda Civil acaba de deter o presunto agresor cando acudía a entregarse.

Unha muller resultou presuntamente agredida pola súa parella este domingo na parroquia de Sísamo, no concello de Carballo.

A agresión machista ocorreu de madrugada sobre as 2.45 horas, e a vítima foi atopada tombada na estrada, con evidentes lesións na faciana e na cabeza.

Até o lugar tiveron que desprazarse dúas ambulancias de soporte vital básico, persoal sanitario do Punto de Atención Continuada (PAC) de Carballo e unha ambulancia de soporte vital avanzado, que asistiron en primeiro lugar a agredida.

A muller tivo que ser evacuada até o complexo hospitalario universitario da Coruña (CHUAC), no que se atopa hospitalizada.

Como resultado das exploracións no hospital, constatouse que presenta un traumatismo craneal, e o seu estado é de "pronóstico grave".

A Garda Civil informou de que o presunto agresor, que levaba desaparecido desde o momento da mesma, foi detido a primeira hora da mañá, cando acudía a entregarse.

As crianzas da muller agredida, menores de idade, tiveron que ser recollidas polo servizo de bombeiros, após acceder ao interior da vivenda familiar. Atópanse custodiados por integrantes da familia.

Denuncia por vexacións e malos tratos

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, detallou que existía unha denuncia previa "de hai un ano por vexacións e insultos" proferidos polo presunto agresor cara á vítima.