Outeiro de Rei

Denuncian a terceira agresión a unha funcionaria da prisión de Bonxe no último mes e medio

Centro penitenciario de Bonxe, en Outeiro de Rei. (Foto: Google)
Neste centro penitenciario, catalogado como 'tipo C', "non debería haber persoas conflitivas", apunta o persoal.

A Asociación Profesional de Funcionarios de Prisións (APFP) vén de denunciar a agresión cometida por unha interna contra unha traballadora do centro penal de Bonxe, situado no termo municipal de Outeiro de Rei (comarca de Lugo). É o terceiro episodio violento contra o persoal deste cárcere no último mes e medio, após os rexistrados o 20 de febreiro e o 10 de marzo.

Neste caso, a agresión foi protagonizada por unha interna recentemente chegada ao centro procedente da prisión da Lama (comarca de Pontevedra) que agarrou polo cabelo e zarandeou unha traballadora que procedeu a cacheala tras ter un altercado con outra presa.

A agresora, segundo sinala a asociación, tivo que ser reducida polo persoal do centro, que chegou mesmo a administrarlle un calmante. A traballadora, pola súa parte, non sufriu lesións de gravidade como consecuencia desta liorta.

Desde a asociación salientan que tanto Bonxe como Monterroso son cárceres catalogados como 'tipo C', polo que non deberían ter como internas persoas consideradas conflitivas.

"Os internos que recibimos están a causar graves altercados e agresións aos traballadores. Solicitamos que se aprobe de vez a consideración de axentes de autoridade", engade a asociación, que pide tamén aumentos de persoal e melloras nas condicións laborais para a súa equiparación cos seus homólogos de Catalunya.

Un funcionario que quedou inconsciente

A anterior agresión denunciada en Bonxe, a do pasado 10 de marzo, saldouse cun traballador hospitalizado após quedar inconsciente. O recluso propinoulle unha forte puñada, denunciou o persoal, no patio da prisión após iniciar unha discusión con este funcionario.

Segundo datos da APFP, en todo o Estado español as e os funcionarios de prisións son vítimas dunha agresión cada 21 horas.