Agresión ás Dunas de Barrañán, ecosistema considerado hábitat prioritario pola UE

Imaxe: Adega

Adega presentou denuncia a raíz de coñecer, a través do BNG de Arteixo, que a maquinaria pesada atravesase ese espazo, área de potencial presenza da píllara das dunas, especie protexida.

Maquinaria pesada atravesando as Dunas de Barrañán (Arteixo) para extraer área na praia do mesmo nome. Unha “agresión ecolóxica das administración públicas” que vén de ser obxecto dunha denuncia de Adega, que tivo coñecemento do que estaba acontecendo a través do BNG. A actuación desa maquinaria “altera por completo este ecosistema considerado hábitat prioritario pola UE, ademais, nunha área de potencial presenza da píllara das dunas”, especie protexida.

 

Adega fai fincapé en que esta acción coincida coa semana mundial da biodiversidade, unha data na que o colectivo lembra que Galiza continúa á cola en superficie protexida: 12% fronte ao 27% de media estatal. Denuncia que as dúas ampliacións da Rede Natura 2000 prometidas, en 2008 (a 18%) e 2012 (a 15%) non se levaron a cabo, malia a estaren practicamente rematados os trámites administrativos. “Nen sequera se atenderon os reiterados requerimentos da Comisión Europea relativos á necesidade de ampliar a representatividade de determinados hábitats sensíbeis: queirogais húmidos e turbeiras en 2004, e bosques aluviais e prados de sega, en 2006”. 

 

Escrito do BNG

 

O BNG de Arteixo rexistrou a cuarta feira un escrito dirixido á Demarcación de Costas do Estado, á Autoridade Portuaria da Coruña, á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta, ao Ministerio da Transición Ecolóxica e ao Concello de Arteixo para solicitar explicacións ante a destrución de parte das dunas.

 

Este mesmo mes de maio, informa o Bloque, a Autoridade Portuaria da Coruña adxudicou á empresa construtora un contrato para executar o aporte de area á praia de Barrañán, por máis de 200.000 euros e no marco dun programa ambiental. A pasada terza, 21 de maio, "atopamos as macropaleadoras e grandes camións traballando neste recheo coa evidencia de ter destruído parte das dunas en primeira liña de costa. Ademais, a presenza de cemento branco na area era evidente", sinala a forza nacionalista nun comunicado de imprensa.

 

O BNG lembra que a Lei de Costas "é moi restritiva coa presenza de maquinaria pesada nunha contorna protexida".