A agresión da GNR contra tres concelleiras do Bloque chega ao Parlamento luso

Momento da actuación policial en Salvaterra

O Bloco de Esquerdas pregunta ao Goberno portugués que medidas tomará fronte a “intervención policial desproporcionada” do pasado 28 de marzo en Monção.


A actuación policial contra tres concelleiras do BNG chega ao Parlamento portugués. O Bloco de Esquerdas denunciou ante o Goberno luso a actuación policial do pasado 28 de marzo, cando a Garda Nacional Republicana (GNR) retivo, identificou e agrediu ás edís da fronte nacionalista durante unha protesta na localidade fronteiriza de Monção.   

“Esta actuación desproporcionada e violenta da GNR contra unha protesta pacífica debe ser investigada e esclarecida”, manifestou o Bloco nun comunicado. Por ese motivo, preguntaron ao Executivo que medidas tomará para dirimir o acontecido. 

“Esta actuación desproporcionada e violenta da GNR contra unha protesta pacífica debe ser investigada e esclarecida”, sinala o Bloco.

As agredidas foron as concelleiras do Bloque de Salvaterra Patricia Marinho Rodríguez, Eva González Pérez e Xosé Antón Outeiro González. Os feitos sucederon cando trataban de despregar unha pancarta ante o vicepresidente da Xunta, o popular Alfonso Rueda, durante o acto para conmemorar o 20 aniversario da ponte internacional que une as marxes galega e portuguesa do río Miño.

Os edís do BNG trataban de denunciar o uso electoralista da Plataforma Loxística e Industrial (Plisán) de Salvaterra-As Neves. Un importante proxecto industrial que leva 14 anos varado e no que se gastaron polo momento 100 millóns de euros. Foi nese momento cando os axentes portugueses apartaron con “violencia” ás militantes nacionalistas. 

“A actuación policial foi absolutamente desproporcionada, empregando unha violencia innecesaria contra unha protesta pacífica”, sinalou o BNG. Unha posición compartida polo Bloco de Esquerdas, que cualificou de inaceptábel a agresión contra cargos electos da Galiza.