Agresión aos gravados do Castriño de Conxo, emblema da arte rupestre compostelá

Imaxe: A Rula

Persoas descoñecidas riscaron figuras nesta laxe descuberta na década dos 30. A peneda da Cantaleta proporcionou “coñecementos fundamentais para o estudo da arte rupestre galaica e mesmo para o conxunto da Europa Atlántica”, explica o colectivo A Rula, que denunciou os feitos no Concello e perante Patrimonio.

A asociación cultural A Rula denunciou perante o Concello e a Dirección Xeral de Patrimonio a agresión nos gravados do Castriño de Conxo, en Santiago de Compostela, “laxe emblemática do grupo galaico de arte rupestre”.


Até o lugar desprazáronse, após ser advertidos da agresión, membros do colectivo, que detectaron que había “graves alteracións na pátina de catro figuras situadas no panel inferior da laxe, tres puñais e un escutiforme. [...] Empregaron algún elemento duro, posiblemente unha pedra, para riscar os motivos “.

 

“Estamos ante unha agresión moi grave”, denuncian. Lembran que foi descuberta nos anos 30 do pasado século por Ramón Sobrino Buhígas e o seu fillo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza. “A peneda da Cantaleta non ten deixado de proporcionarnos coñecementos fundamentais para o estudo da arte rupestre galaica e mesmo para o conxunto da Europa Atlántica”.

 

O colectivo demanda das diferentes administracións maior atención, coidado e protección para o patrimonio rupestre galego.